A factura eléctrica alcanza o prezo máis alto dos últimos dous meses

A luz non superaba os 120 euros por MWh desde o 22 de xuño.
Unha persoa prende a luz (Foto: Nós Diario).
photo_camera Unha persoa prende a luz (Foto: Nós Diario).

O prezo medio da electricidade para as persoas usuarias de tarifa regulada vinculadas ao mercado almacenista experimentará esta terza feira unha repunta de 2,9% con respecto ao custo da segunda feira, até situarse en 120,67 euros por megawatt hora (MWh), o que supón alcanzar un novo máximo no que vai de agosto.

Por franxas horarias, o prezo máximo, de 158,61 euros por MWh, rexistrarase entre as 21 e as 22 horas, mentres que o prezo mínimo darase nun período de catro horas, entre as 12 e as 16 horas, con 98,51 euros por MWh, segundo os datos provisionais do Operador do Mercado Ibérico de Enerxía (OMIE).

O maior custo desde o 22 de xuño

Desta maneira, o prezo da luz será esta terza feira o máis alto nos dous últimos meses, tendo que retroceder até o pasado 22 de xuño, cando marcou 122,45 euros por MWh, para atopar unha xornada cun rexistro superior.

Nestes 22 primeiros días do mes, a media do prezo no mercado eléctrico sitúase en 92,38 euros por MWh, fronte ao custo medio de 154,89 euros por MWh de agosto de 2022.

Excepción ibérica

A este prezo medio do denominado pool sumaríase a compensación ás gasistas (que ten que ser abonada polas persoas usuarias da tarifa regulada, a PVPC, ou as que, a pesar de estar no mercado libre, teñen unha tarifa indexada), mais situouse novamente en cero euros por MWh, situación que se repite desde o 27 de febreiro.

A chamada excepción ibérica, que estabelece un tope no prezo do gas destinado á xeración de enerxía, estendeuse até o próximo 31 de decembro, tras o acordo alcanzado polo Executivo español e o portugués coa Comisión Europea. Bruxelas non exclúe a posibilidade de que este acordo poida ser prorrogado antes do final deste ano.

Comentarios