O imposto ás grandes fortunas será temporal e aplicábel desde 2023

O Ministerio de Facenda estuda a fórmula para aprobar este novo tributo.
#riqueza #ricos #fortuna #fortunas #patrimonio (Foto: Nós Diario)
photo_camera A ministra Montero critica o "agasallo fiscal" de Murcia, Andalucía e Madrid ao anunciaren a supresión do Imposto sobre o Patrimonio. (Foto: Nós Diario)

A ministra de Facenda e Función Pública, María Jesús Montero, non aclarou esta quinta feira a fórmula que estuda o Goberno estatal para aumentar os impostos aplicados sobre grandes rendas e patrimonios, pero en todo caso si precisou que será temporal e con vistas a empezar a aplicala o próximo 1 de xaneiro.

En declaracións no Congreso, tras o debate parlamentario sobre a suspensión das regras fiscais e o teito de gasto, Montero asegurou que o seu departamento traballa nunha "idea temporal" para aumentar a recadación entre grandes patrimonios e rendas.

"Do mesmo modo que ocorreu nos impostos a enerxéticas e banca [actualmente en tramitación no Congreso], traballaremos nunha fórmula temporal e posteriormente as circunstancias dirán se é necesario ou non prorrogalo", dixo a ministra.

Preguntada por cando empezará a aplicar esta suba de impostos, a titular de Facenda dixo que, "cando menos, estará fundamentalmente vinculado á entrada en vigor o 1 de xaneiro de todo o que son as obrigas fiscais", e en función da tramitación parlamentaria que siga.

"Haberá que ver a fórmula, non todo pode ir na Lei de Orzamentos", matizou a ministra. Os Orzamentos Xerais do Estado, neste senso, poden incluír modificacións nas figuras tributarias existentes, mais non fixar a creación dun novo tributo.

"Irresponsabilidade" fiscal

Por outra parte, a titular de Facenda cualificou de "enorme irresponsabilidade" que outra comunidade autónoma, neste caso Murcia, siga o ronsel de Madrid tras o anuncio esta semana de Andalucía de suprimir o Imposto sobre o Patrimonio.

Aliás, Montero criticou que este "agasallo fiscal" sexa nunha comunidade que ocupa os últimos postos en investimento sanitario ou educativo, algo que considera "duro de admitir nun momento de crise no que os cidadáns están a pasalo tan mal".

Comentarios