As explotacións perderon 500 euros de media por cortes de luz e denunciarán a Naturgy

Unións Agrarias presentará denuncia conxunta contra Naturgy polo acontecido en Belira, O Corgo e Castroverde.
Sede de Naturgy (Foto: Naturgy)
photo_camera Sede de Naturgy (Foto: Naturgy)

As perdas por cortes de luz como consecuencia do mal tempo destes días pasados causaron unha media de 500 euros en perdas a 120 explotacións, segundo informa o sindicato Unións Agrarias (UUAA). Os servizos xurídicos da organización agraria estudan denunciar as eléctricas e pedir indemnizacións por este motivo.

Os municipios máis afectados foron Belira, O Corgo e Castroverde e as denuncias presentaríanse conxuntamente contra a empresa Naturgy. 

"Chama a atención que as industrias eléctricas que reciben axudas públicas para manter en bo estado as liñas non cumpran co seu cometido. Cada vez que se complica un pouco o tempo, acaba habendo horas e horas sen enerxía", sinalou desde UUAA o seu responsábel, Roberto García.

Esta organización atópase en fase de contacto coas afiliadas e afiliados "que sufriron danos" para iniciar un procedemento legal e reclamar indemnizacións polos gastos derivados do que consideran "unha mala operatividade destas eléctricas".

García salientou que "sen ser un gran temporal", os cortes afectaron a varios municipios lucenses que causaron perdas "non só polo número, senón polas horas que tardou en restabelecerse a subministración". Isto, dixo, provocou "danos non só no almacenamento de alimentos, senón no propio funcionamento das explotacións, que se viron obrigadas a ter que alugar grupos electróxenos". 

Polo seu lado, desde a Federación Veciñal de Lugo exixen "unha sanción exemplar". O seu presidente, Jesús Vázquez, tachou de "impresentábeis" as eléctricas polo ocorrido nos últimos días.

Ademais, reivindica que o Goberno galego debe "controlar periodicamente" as súas prácticas, xa que "non cumpren coas súas obrigacións no mantemento das liñas para ofrecernos un bo servizo, polo que cobran moito e que realmente non dan".

Comentarios