O agro galego segue denunciando perdas

Non é unha situación nova para o agro galego, mais si o é a súa gravidade. Unións Agrarias  (UUAA) presentou un informe no que explica as perdas dos sectores máis importantess debullando unha a unha as súas consecuencias por explotación. Nesta análise non queda fóra a responsabilidade que, segundo esta organización, teñen as Administracións galega e española.    
Explotación gandeira galega (Nós Diario)
photo_camera Explotación gandeira galega (Nós Diario)

O estado de alarma empeorou a situación do agro galego. É a conclusión que se saca do informe realizado por Unións Agrarias (UUAA) e presentado en Compostela. A través del deron a coñecer as perdas "millonarias" dunha gran parte das explotacións da Galiza. 

Roberto García, secretario xeral desta organización, sinala que neste período confirmouse unha baixada "significativa" do que se paga en orixe a respecto da subida dos prezos que afronta o consumidor. "Seguimos a ser os grandes esquecidos polas Administracións", explica, "todo isto cando aínda non se aprobou a inmensa maioría dos plans de mellora e incorporación da mocidade correspondente á Política Agraria Común (PAC) de 2019", engade.

Outro dos graves problemas para UUAA está relacionado coas axudas prometidas pola Xunta da Galiza por danos de fauna salvaxe, que serán de "pouco máis de dous millóns cando as perdas poden superar os 18 millóns de euros". Calculan que perto de 88% dos danos non se restituíran. 

Desmantelamento de servizos no rural

A situación do rural galego mantén, segundo esta organización, un "agravio comparativo" a respecto dos servizos cos que contan as persoas residentes en zonas urbanas, nunha problemática que se acentuou, segundo UUAA, co estado de alarma.

O secretario xeral desta organización quéixase da falta de servizos públicos no rural, mesmo do "desmantelamento" da asistencia técnica a gandeiras e agricultoras, sumado ao "grave problema" da fenda dixital. García considera urxente que se apliquen medidas para solucionar esta situación e insiste na súa petición de reprogramar 550 millóns de euros de fondos europeos.

O lácteo deixa 4 millóns por mes  

Non hai un sector que se libre na actual situación. UUAA explica que no lácteo o prezo foi á baixa. Afirman que cada explotación galega cobra "860 euros menos" cada mes, “un céntimo e medio por baixo do que se paga no resto do Estado español” e en relación a Europa "dous céntimos menos". As perdas, polo tanto, serían de 4 millóns de euros ao mes. Denuncian, ademais, a entrada de leite doutros países xunto a prácticas abusivas por parte dalgunhas compañías.

As perdas nas 9.800 explotacións de carne galegas son de 2,9 millóns ao mes, o que supón que cada unha ingresa 296 euros menos pola caída de prezos de becerros e vacas. O mesmo acontece en ovino e cabrún, onde son 700.000 euros as perdas mensuais e as granxas avícolas prevén caídas de ingresos de 3,5 millóns de euros este ano.
No sector vitivinícola baixaron as vendas en 50% da produción e na pataca denuncian que na zona da Limia se fanse ofertas por cinco ou seis céntimos, cando os custos de produción móvense entre 10 e 12 céntimos".

Comentarios