Exdirectivos de NCG apuntan a que Pego era o encargado de informar sobre os contratos

Exdirectivos de Novacagaixagalicia (NCG) que comparecen na Audiencia Nacional como imputados sinalan a José Luis Pego, exidrector xeral da entidade, como o responsábel de ter que informar dos contratos ao consello de administración e ao Banco de España, pasos que non se deron. A CIG pide que se investigue a xestión das caixas
José Luis Pego
photo_camera José Luis Pego

A Audiencia Nacional tomou esta semana declaración a varios exdirectivos de Novacaixagalicia, imputados por un delito de administración desleal ou apropiación indebida polas millonarias xubilacións percebidas sen notificaren os contratos nin ao consello da entidade nin ao Banco de España. Un destes exaltos cargos, Rodríguez Estrada, declarou ante o xuiz Ismael Moreno que José Luis Pego, antigo director xeral de NCG, era o encargado de informar dos contratos. Unha confesión que semella un botar balóns fóra para poñer a responsabilidade no tellado de Pego.

Estes altos cargos están acusados dun delito de administración ilegal ou apropiación indebida por perto de 8 millóns de euros en concepto de xubilacións. Alén de Rodríguez Estrada e Pego están imputados  Fernández Gayoso, Gorriarán Laza e Javier García de Paredes.

Paredes foi o primeiro en comparecer e declarou na Audiencia que fixo un favor á entidade financeira ao capitalizar a indemnización. Novacaixagalicia escolleu esta fórmula para aforrar pola volta dun millón de euros, que corresponderían á actualización do salario e a un seguro para facer fronte á garantía de pagamento.

Ir até o fondo

Clodomiro Montero, secretario nacional de CIG-Banca, lembraba hai unha semana que a citación da Audiencia Nacional producíuse a raíz da denuncia presentada no seu momento polo sindicato nacionalista perante a fiscalía xeral do estado por estes feitos. De aí a estrañeza, apuntaba Montero, polo feito de que a Audiencia Nacional "non nos cite como parte".

O sindicato incidía en que esta citación ten que ir máis alá "e a investigación non debe quedar circunscrita só a estes cinco ex-directivos e os seus contratos, "senón que hai que afondar en que foi a xestión das caixas galegas".


Comentarios