As estafas financeiras destacan entre os delitos cometidos na Galiza

Galiza contará con seis novas unidades contra a ciberdelincuencia ante o incremento nos últimos meses deste tipo de delitos.
As estafadoras fanse pasar polo banco para obter os nosos datos (Foto: Europa Press).
photo_camera As estafadoras fanse pasar polo banco para obter os nosos datos (Foto: Europa Press).

Un de cada seis delitos que se cometeron na Galiza no que vai de ano corresponde a estafas informáticas. Así se desprende do Balance de criminalidade presentado esta semana polo delegado do Goberno na Galiza, José Miñóns, que esta sexta feira avanzou a creación de seis equipos especializados da Guardia Civil, formados por 20 axentes da benemérita, para loitar contra este crecente fenómeno delitivo.

Cunha cibercriminalidade en aumento ─entre xaneiro e setembro experimentou un alza de 71,27% na Galiza─ o Goberno español trata de mellorar a súa resposta, sobre todo ante as estafas na rede que, como apuntou Miñóns, van "en paralelo ao incremento de actividades relacionadas co comercio electrónico, que deu un salto cualitativo por mor da pandemia".

Estes novos equipos, anunciou o delegado, constituirán "o primeiro nivel de resposta específica á cibercriminalidade, apoiando ás unidades territoriais que se atopan orientadas á cidadanía, realizando un primeiro tratamento deste tipo de delitos, apoiando á Policía Xudicial específica mediante a análise dos  ciberdelitos, e potenciando a interlocución de calidade coas vítimas".

Do 'phishing' ao 'smishing'

Na Galiza cóntanse por centos as persoas afectadas por estafas nas que as vítimas son enganadas para facilitar os seus contrasinais de acceso á banca electrónica, coñecidas como 'phishing'. Porén, o móbil e non o ordenador, é cada vez máis protagonista neste tipo de delitos. Cando a estafa se comete a través de SMS coñécese como 'smishing'.

Victor Manuel Serén é unha desas vítimas. No seu caso, segundo relata a este xornal, as delincuentes lograron retirar 7.000 euros da conta na que el cobra a súa pensión facéndolle crer que estaba a descargar a aplicación Bizum para recibir o cobro dun alugueiro vacacional dun apartamento que a súa nai ten en Sanxenxo.

Como relata a Nós Diario, presentou unha reclamación por escrito á entidade coa que traballa, pero esta desentendeuse do problema e botoulle as culpas do que acontecera. De momento non pensa acudir á vía xudicial, xa que a considera "unha perda de tempo" que só beneficia a entidade financeira. "É unha parvada, porque os ladróns non van aparecer ou, se o fan, vanse declarar insolventes", apunta.

Victor Manuel forma parte dun colectivo de persoas afectadas que se comunican entre elas a través do Whatsapp. Hai unhas semanas que unha boa parte delas contactaron coa Unión de Consumidores da Galiza (UCGAL) para tratar de buscar unha saída extraxudicial aos seus casos. "Agardaremos unha semana máis para ver se temos unha contestación, senón valoraremos realizar mobilizacións ás portas dos bancos". anuncia.

Casos como o seu están evidenciando a realidade desta problemática, que tamén está a xerar cambios nos comportamentos da poboación. Nesta liña, desde a UCGAL recoñecen que cada vez máis xente procede a borrar  mensaxes sospeitosas cando chegan aos seus móbiles, o que dá mostras de que o simple feito de coñecer estas prácticas xa fai que as potenciais vítimas estean alerta ante este tipo de procedementos delitivos.

Comentarios