O Estados da UE impoñen un limite de 57 euros ás compras de cru ruso

Moscova ameaza con non fornecer o combustíbel.
Refinaría de petróleo na cidade xermana de Schwedt (Foto: Patrick Pleul / DPA).
photo_camera Refinaría de petróleo na cidade xermana de Schwedt (Foto: Patrick Pleul / DPA).

Os Estados membros da Unión Europea (UE) chegaron esta sexta feitra a un acordo para fixar un teito de 60 dólares, uns 57 euros ao cambio, ao prezo do petróleo ruso, segundo confirmaron fontes diplomáticas, nunha negociación que culminou a contrareloxo pola inminencia da entrada en vigor do embargo á compra de cru ruso aprobada formalmente en outubro, que terá lugar o vindeiro 5 de decembro.

A medida segue o acordo alcanzado no seo do G7 para un fixar un tope entre 65 e 70 dólares ao cru ruso, e está dirixida ao petróleo transportado por mar.

Porén, non afectará ao que chegue á UE a través de oleoduto, despois da excepción lograda por Hungría e outros Estados membro sen saída ao mar que aducen a súa gran dependencia do petróleo ruso.

Tras vencer as reticencias de Polonia e os Estados bálticos, que reclamaban un tope máis baixo, ao redor de 30 dólares, e vinculaban esta medida a avanzar na novena rolda de sancións contra Rusia en represalia á súa agresión a Ucraína, a UE logrou un acordo de compromiso en 60 dólares ademais dun mecanismo corrector para lograr que o tope se revise periodicamente e se sitúe polo menos 5% por baixo do prezo de mercado.

O acordo, que se aprobará a través do procedemento escrito simplificado sen necesidade de que se volvan reunir os embaixadores, prohibirá proporcionar servizos ás empresas de envíos e de seguros para o transporte de petróleo ruso, a menos que o cru se venda por baixo do limiar estabelecido. 

Manter o fluxo de cru ruso

A medida concretada polos Estados membro da UE persegue dous obxectivos: manter o fluxo de cru ruso para evitar picos de prezos globais e limitar ao mesmo tempo os ingresos de Rusia.

Porén, o Goberno de Moscova cualificou en reiteradas ocasións a iniciativa occidental como unha "medida antimercado" que "pode complicar considerabelmente a situación nos mercados enerxéticos mundiais", e advertiu que "non pensa fornecer" petróleo aos Estados e compañías que se unan á limitación do seu prezo.

Comentarios