Os EUA procuran que Arabia Saudita envíe máis petróleo

Dispostos a retomar a venda de armas a Riad malia a súa implicación no conflito do Iemen, que xa deixou 400.000 mortos.
O presidente dos EUA, Joe Biden, na Casa Branca. (Foto: Ken Cedeno-Pool via CNP / Zuma Press)
photo_camera O presidente dos EUA, Joe Biden, o domingo na Casa Branca. (Foto: Ken Cedeno-Pool via CNP / Zuma Press)

En febreiro de 2021, o presidente dos Estados Unidos (EUA), Joe Biden, resolveu paralizar a venda de armas ofensivas a Arabia Saudita, impulsado pola súa implicación no conflito no Iemen, que xa deixou 400.000 mortos e a peor crise humanitaria mundial nestes intres, informa a Organización das Nacións Unidas (ONU).

A isto hai que engadir a conmoción causada no país polo asasinato de Jamal Khashoggi, xornalista saudita do Washington Post, que até a mesma ONU apuxo a Mohammad bin Salman, príncipe herdeiro do país e líder de facto.

Así e todo, o intento de Estados Unidos e dos seus socios occidentais de substituír os recursos enerxéticos procedentes de Rusia está mudando a posición de Biden, que, segundo desvelou Reuters esta segunda feira, está disposto a negociar a volta á venda de armas de ataque tras reclamala altos funcionarios de Riad. Arabia Saudita é historicamente o maior cliente de armamento militar dos EUA.

Desde que Rusia entrou no conflito en Ucraína, Biden foi suavizando a súa postura sobre Arabia Saudita, eloxiando a tregua no Iemen e diminuíndo as críticas. Con todo, o país asiático rexeitou nun primeiro intre incrementar a produción e até atender as chamadas do presidente dos EUA, defendendo que o mercado petroleiro está axustado pero non existe unha auténtica escaseza, apuntan diplomáticos do país.

Non obstante, a comezos de xuño a Organización de Países Exportadores de Petróleo (OPEP), á que pertence Arabia Saudita, decidiu aumentar a produción para compensar en parte o petróleo que determinados países non queren adquirir en Rusia.

Rebaixa de estándares

En todo caso, non é o único Estado que reduce os seus estándares de dereitos humanos para favorecer o comercio cos sauditas, unha das últimas monarquías absolutistas do planeta. Hai poucas semanas, a ministra de Exteriores británica, Liz Truss, defendeu diante dunha comisión parlamentar que o Reino Unido tiña que combater os réximes autoritarios, poñendo como exemplos Rusia e a China.

Porén, negouse a aplicar a mesma cualificación a Arabia Saudita, á que definiu como “un socio importante” do país, pouco despois de abrir conversas comerciais cos países do Golfo sen mencionar os dereitos humanos.

Comentarios