Unha fuga nun oleoduto en Polonia pon en risco a subministración de Alemaña

Novo contratempo para Alemaña, un dos países máis afectados pola sabotaxe do Nord Stream, gasoduto que a conecta con Rusia, ao suspenderse a súa principal vía de entrada de petróleo.
Tramo do oleoduto Druzhba, "amizade" en ruso, parado após detectarse unha fuga á altura de Polonia. (Foto: Omer Murat)
photo_camera Tramo do oleoduto Druzhba, "amizade" en ruso, parado após detectarse unha fuga á altura de Polonia. (Foto: Omer Murat)

PERN, o operador polaco do ramal principal do oleoduto Druzhba, fixo público onte que á última hora da terza feira detectaron unha fuga na infraestrutura a 70 quilómetros da cidade de Plock -no centro de Polonia-. A fisura é de 80 centímetros a unha presión de 30 atmosferas, explicou a compañía.

O incidente “obrigou a desconectar inmediatamente o bombeo na liña danada”, comunicou PERN, que salientou que a outra liña funciona sen problemas. Os bombeiros polacos debullan que a vertedura de petróleo afectou arredor de 1.000 metros cadrados nun campo de millo e nunha instalación de cría de animais.

Malia que despois das explosións acontecidas perto do gasoduto Nord Stream 1 e Nord Stream 2 a finais de setembro valorouse a opción dunha sabotaxe, o ministro de Infraestrutura Enerxética de Polonia, Mateusz Berger, incidiu en que a fuga debeuse a un “dano accidental”, engadindo que “vivimos tempos turbulentos pero neste momento non temos ningún motivo para crer [nunha sabotaxe]”.

Este oleoduto é o máis longo do planeta. Construído pola Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas, leva o petróleo siberiano, dos montes Urais e do mar Caspio desde Samara até Bielorrusia, onde se bifurca, por unha banda cara a Chequia pasando por Ucraína, Hungría e Eslovaquia, e pola outra alcanza Alemaña a través de Polonia.

O tramo do oleoduto afectado move anualmente 27 millóns de toneladas de petróleo. Aproximadamente a metade vai directo á localidade alemá de Schwedt, onde está situada unha das principais refinerías do país, que trata 12% do cru que entra no territorio teutón. Esta instalación -propiedade da rusa Rosneft e expropiada temporalmente por Berlín hai poucas semanas- subministra 90% de toda a gasolina, gasóleo e queroseno do nordés alemán, que inclúe a capital, o Estado de Brandenburgo e o de Mecklemburgo-Pomerania Occidental, apunta Handelsblatt. Unha cantidade semellante tratan na refinería de Leuna, que prové a maioría do carburante dos Estados de Saxonia-Anhalt, Saxonia e Turinxia, apunta DPA. Desde comezos de 2022, o país importou 30% do seu petróleo de Moscova.

Medios locais inciden en que a pesar das conversas para conseguir petróleo en países como Kazhakhstán para substituír as adquisicións en Rusia, ese petróleo tería que chegar a través deste mesmo oleoduto, polo que a súa reparación é imprescindíbel para manter as cadeas de subministración, moi sensíbeis neste sector ás disfuncións nas refinerías, como demostra a folga dos traballadores destas empresas en Francia, que provocou o feche ou dificultades para conseguir carburante nunha de cada tres gasolineiras.

Nin o Ministerio de Economía alemán nin o regulador federal da rede fixeron declaracións ao respecto.

Gazprom ofrece abrir parte do Nord Stream 2

No caso de que Alemaña emita a certificación que permita pór en marcha o Nord Stream 2 a subministración pola liña que non se viu influída pola sabotaxe podería comezar inmediatamente, incidiu o director xeral de Gazprom, Alexei Miller, que advertiu de que as reservas da Unión Europea (UE) poden non ser suficientes perante as sucesivas ondas de frío no inverno.

O presidente ruso, Vladimir Putin, sostivo que de haber vontade política por parte da UE só por esa liña podería garantirse 8% das importacións de gas natural do bloque 
comunitario.

Amais, asegurou que é posíbel reparar a liña danada do Nord Stream 2 e as dúas liñas do Nord Stream 1, porén, insistiu en que só ten sentido se hai “garantías de seguridade” para a ruta, que sufriu unha sabotaxe o 26 de setembro por medio dunha explosión, desvelou a investigación oficial sueca, país que anunciou que non compartirá as súas conclusións finais con Gazprom.

Asemade, Putin sinalou indirectamente cara aos Estados Unidos como autores da sabotaxe contra o gasoduto, e reiterou que a capacidade gasística do país podería reconducirse desde Turquía cara á UE se Bruxelas acepta a oferta.

 

Comentarios