Escrivá quere premiar o atraso da xubilación: 12.000 euros por ano

Pretende incentivar que se chegue á "idade legal" de xubilación.
O ministro de Seguridade Social, José Luis Escrivá. (Foto: Europa Press)
photo_camera O ministro de Seguridade Social, José Luis Escrivá. (Foto: Europa Press)

O ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luis Escrivá, explicou esta segunda feira durante a súa comparecencia na Comisión do Pacto de Toledo no Congreso, para dar conta da negociación no diálogo social, que o Goberno estatal outorgará até 12.060,12 euros nun pago único a quen demore a súa xubilación e reducirá até un 21% a de quen se xubile anticipadamente. 

Concretamente, advertiu de que se está traballando nunha proposta de coeficientes redutores á xubilación anticipada voluntaria pola que estes aumentarían do 16% ao 21% para un traballador ou traballadora con menos de 38 anos e 6 meses cotizados que queira xubilarse dous anos antes do que lle toca.

Con todo, se se xubila un ano antes, o coeficiente pasará a ser do 2% ao 3,26%. No caso dos traballadores con máis de 38 anos e 6 meses cotizados e menos de 41 anos e 6 meses, o coeficiente por xubilarse 24 meses antes pasará do 15% actual ao 19%. Para os traballadores de máis de 41 anos e 6 meses cotizados, pero menos de 44 anos e 6 meses, a xubilación anticipada dous anos antes pasará a ter un coeficiente redutor da 17% fronte ao 14% actual e do 2,96% para quen se xubile un ano antes (fronte ao 1,8% actual). 

Por último, a penalización para quen ten unha carreira de 44 anos e medio e decida xubilarse dous anos antes, o coeficiente manterase no 13%, pero se se xubila un mes antes pasará do 1,6% actual ao 2,81%. 

Os obxectivos da primeira parte da reforma de pensións que quere despregar o Goberno estatal son dous: volver á revalorización das pensións co Índice de Prezos de Consumo (IPC) e atrasar a idade "real" de xubilación, agora nuns 64,6 anos, para achegala á "legal", que en 2021 se sitúa entre os 65 e 66 anos e chegará a entre 65 e 67 anos en 2027. O departamento que dirixe Escrivá leva varios meses dialogando cos sindicatos maioritarios no Estado español, UXT e CCOO, e coas patronais, CEOE e Cepyme para facer axustes que estimulen a permanencia dos traballadores no mercado laboral e, por outro, aumentar a penalización a quen decide xubilarse antes.

Malia as críticas formuladas ao respecto, o ministro puxo de manifesto que "hai unha ampla evidencia de que unha maior participación dos maiores non dana, senón que aumenta as oportunidades de emprego da mocidade".

Comentarios