Escotet critica unha axenda "moi exixente" na descarbonización e Rueda reivindica a banca como "aliada" das administracións

O presidente de Abanca gábase de que "a sociedade española conta cunha banca cualificada como unha das máis sólidas de Europa".
Alfonso Rueda (no centro) e Juan Carlos Escotet (á dereita) coincidiron hoxe na inauguración da xornada 'Diálogos co sector bancario polo progreso económico e social'. [Foto: Nós Diario]
photo_camera Alfonso Rueda (no centro) e Juan Carlos Escotet (á dereita) coincidiron hoxe na inauguración da xornada 'Diálogos co sector bancario polo progreso económico e social'. [Foto: Nós Diario]

O presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet, reivindicou esta quinta feira que "a banca se fortaleceu" e é hoxe un "robusto e funcional motor" para o Estado español. Con todo, advertiu da existencia de "problemáticas" das que non se pode evadir como o proceso de descarbonización, ámbito no que considerou que a axenda marcada é "moi exixente" para o sector e que esta non se ve "correspondida" nin polo que se pide nin pola información dispoñíbel por parte das empresas. Así o manifestou na súa intervención de hoxe no acto de benvida da xornada 'Diálogos co sector bancario polo progreso económico e social', que decorre en Santiago de Compostela.

Escotet resaltou que na actualidade "a sociedade española conta cunha banca cualificada como unha das máis sólidas de Europa" e referiuse aos "logros" durante a pandemia e "facendo fronte aos estragos da guerra contra Ucraína". Após apuntar datos como a "folgura" de liquidez e baixada da taxa de morosidade, o presidente de Abanca lembrou os seis principios de banca responsábel da ONU anunciados en setembro de 2019, desde cando a súa entidade e outras deben ir subscribindo "compromisos concretos".

Sobre "problemáticas que non se poden evadir", sinalou a sustentabilidade e transformación dixital. A respecto do primeiro dos retos, apostou por un "esforzo" cara á descarbonización que supoña un "proceso ordenado que minimice os efectos económicos negativos e capture as oportunidades". Neste extremo, constatou que os bancos teñen que "canalizar fluxos de capital cara a unha economía máis sustentábel", así como "incorporar" o risco "transición" e o "físico". Foi neste punto no que alertou do feito de que este "titánico reto" recaia "demasiado" na banca.

No tocante ao "desafío" da transformación dixital, chamou a "evitar" que a fenda dixital "desencadee exclusión financeira", mediante a atención aos maiores. Para iso, salientou que Abanca duplicou as oficinas con horario ampliado e aumentou tamén a atención telefónica "persoal". Xunto a iso, avogou por "seguir traballando en educación financeira e na eliminación desa fenda dixital". "Mellorar a accesibilidade aos servizos financeiros forma parte esencial do compromiso social da banca", proclamou, co "reto de manter servizos en zonas rurais cada vez máis despobladas".

Para Escotet, Galiza "convértese nunha boa referencia" neste apartado, polo seu nivel de dispersión e que ao mesmo tempo "se sitúa como a comunidade con maior accesibilidade ao servizo financeiro". En concreto, asegurou que 8% dos municipios galegos teñen "acceso efectivo" e dixo que "isto é así porque Abanca fixo o esforzo de manterse en 177 municipios dos que marcharon o resto de entidades".

Rueda defende a banca como "aliada" das administracións

Nesta presentación participou tamén o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, quen situou a banca como un "aliado" das administracións e comprometeuse a elaborar uns orzamentos para 2024 "prudentes" e con previsións "realistas" fronte á "inestabilidade" do sistema político español. Rueda tamén se referiu á dispersión e o envellecemento da poboación galega, para resaltar que son precisos os servizos financeiros, "e a banca está a axudar", celebrou.

Alfonso Rueda: "Os empresarios non son inimigos de ninguén"

Após afirmar que "a Administración non crea riqueza por si mesma" e "os empresarios non son inimigos de ninguén", senón que "teñen que ser aliados", rexeitou os "ataques" á banca "cando hai problemas". "É un erro", subliñou. A "inestabilidade política", agregou, "ten consecuencias", polo que a Xunta espera "que acabe cando antes". Con todo, enviou unha "mensaxe de optimismo desde Galiza", da que presumiu de "boas cifras", aínda que "sempre suxeitas a revisión e a risco de que iso se pode investir e empezar a ir na mala dirección".

A súa "receita" é sinxela: "Estabilidade, confianza e garantías". "Tentamos seguir sendo esa illa onde facemos cousas tan aburridas todos os anos como aprobar un orzamento en tempo e forma, tentar compensar ingresos e gastos, non orzar como gasto aquilo que non se vai xerar. Este ano vai ser especialmente difícil", constatou. Neste senso, lamentou non coñecer o teito de gasto, as entregas a conta nin o obxectivo de déficit. "Non nolo comunicaron", dixo. En calquera caso, a Xunta elaborará o seu orzamento "igualmente" e tentará "acertar sobre a base da prudencia".

En canto a "garantías", aludiu a axudas directas, simplificaciones administrativas e regras de xogo sen cambios para proxectos industriais estratéxicos e iniciativas empresariais prioritarias. Aproveitou a súa quenda para reclamar o "desbloqueo" dos fondos Next Generation, porque "hai proxectos potentísimos esperando ese financiamento". "Temos proxectos maduros que levan demasiado tempo esperando financiamento. Non se escolleu un bo sistema. Non está a funcionar. Hai moitas convocatorias aínda na casa de saída. O país máis descentralizado de Europa non pode ter o sistema máis centralizado de xestión dos fondos", criticou.

Comentarios