mércores 14/04/21

Os ERTE e o ingreso mínimo vital marcan a campaña da Renda 2020

A campaña da Renda 2020 arranca este 7 de abril para as persoas que presenten a declaración ou confirmen o seu borrador a través da internet.
Un traballador da Axencia Tributaria (Eduardo Parra / Europa Press).
Un traballador da Axencia Tributaria (Eduardo Parra / Europa Press).

Este 7 de abril, comeza a campaña da Renda e Patrimonio 2020 para as persoas que opten por presentar a súa declaración ou confirmar o borrador a través de internet. Para facelo por vía telefónica haberá que esperar até o 6 de maio, mentres que o 2 de xuño será a data de inicio para aquelas persoas que opten por tramitala nas oficinas da Axencia Tributaria. En todos os casos o prazo límite de presentación será o 30 de xuño, salvo que o resultado sexa a ingresar con domiciliación en conta, que terá 25 de xuño como data límite.

Esta ano, a declaración do Imposto da Renda para as Persoas Físicas (IRPF) non inclúe novidades normativas, como si acontecera en 2019 cos rendementos de capital mobiliario, entre outras.

Porén, este ano deberán prestar especial atención á declaración as persoas que se viron afectadas por un Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) o pasado ano e tamén as beneficiarias do Ingreso Mínimo Vital (IMV) estabelecido polo Goberno español.

No caso concreto dos traballadores e traballadoras en ERTE, Facenda lembra que a prestación é un rendemento do traballo suxeito ao IRPF e non exento, de aí que as persoas beneficiarias poidan verse na obriga de presentar declaración, aínda que os rendementos estean dentro dos tramos exentos, polo feito de ter dous pagadores no ano: a empresa e o Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE).

Con carácter xeral, as persoas contribuíntes teñen que presentar declaración por IRPF cando os seus rendementos do traballo superan os 22.000 euros. Agora ben, cando teñen dous ou máis pagadores ─o caso das afectadas por ERTE─, ese límite redúcese a 14.000 euros se o percibido polo segundo e restantes pagadores supera os 1.500 euros.

Outro aspecto a ter en conta na declaración serán os aboamentos realizados polo SEPE de maneira improcedente ou con contías superiores ás que correspondían, que variarán na forma de recollerse na declaración en función de se o SEPE iniciou ou completou xa o expediente de reintegro dese exceso no momento en que a persoa contribuínte presente a declaración, ou se aínda non se iniciou.

Ingreso Mínimo Vital 

En canto ás perceptoras do Ingreso Mínimo Vital, das que boa parte son menores de idade, a Axencia Tributaria lembra que deben presentar declaración por IRPF, con independencia da contía dos seus ingresos.

Nestes casos deberán declarar como rendementos do traballo as contías que superen os 11.279,39 euros (1,5 veces o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples, Iprem) no caso de que, xunto ao IMV, perciban outras axudas a colectivos con risco de exclusión social, como a renda mínima de inserción, rendas garantidas e axudas similares de Xunta e concellos. Só deberán declarar e tributar por ese exceso, precisa Facenda.

Para os supostos de familias beneficiarias do IMV con fillos menores, Facenda recomenda presentar unha declaración conxunta de todos os membros se os proxenitores están casados. En caso contrario, un dos  proxenitores poderá presentar declaración conxunta cos fillos e o outro, declaración individual.

comentarios