xoves 15/04/21

Así che vai afectar o ERTE na declaración da renda

As persoas traballadoras terán que cumprir en breve coa Axencia Tributaria. Pero 2020 non foi un ano normal. A pandemia fixo que moitas delas se visen afectadas por un Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE), o que condiciona a súa declaración. Facenda xa busca encaixe por se os ERTE quedan indefinidamente.
O vindeiro 7 de abril iníciase a campaña da Renda 2020, que estará marcada pola situación derivada da crise da Covid-19.(Foto: Óscar Cañas / Europa Press).
O 7 de abril iníciase a campaña da Renda 2020, que estará marcada pola situación derivada da Covid-19. (Foto: Óscar Cañas / Europa Press).

En cuestión de semanas comeza a campaña da Renda 2020. Será un ano atípico, marcado pola pandemia e, a nivel laboral, polas axudas ao cesamento de actividade e os ERTE. Os técnicos de Facenda (Gestha) lembran que as persoas traballadoras que cobrasen entre 14.000 e 22.000 euros en 2020 terán a obriga de declarar se o percibido do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) supera os 1.500 euros anuais.

As persoas en ERTE contan con dous pagadores, a empresa na que traballan e o SEPE, encargado de aboarlles as prestacións mentres estean no ERTE. Por iso é polo que están obrigados a presentar declaración da renda.

A finais de febreiro había 46.665 persoas en ERTE na Galiza, un 50% máis que no mes anterior, en parte polas restricións fixadas pola Xunta para conter o avance da pandemia na terceira vaga.

Moitas delas levan xa un ano nesta situación, xa que por diversos motivos non puideron retomar a súa actividade. Chegaron a ser máis de 230.000 nos meses máis duros do confinamento. Esas persoas serán as que teñan que prestar especial atención este ano á súa declaración, sen que iso supoña pagar máis a Facenda. 

"Cando hai dous pagadores, como unha das empresas non sabe o que a outra está a aboar e non se poden facer as retencións oportunas, tense que presentar a declaración, pero iso non implica que vaian pagar máis. Pagarán en función do que cobraron", apuntaba hai uns días a ministra de Facenda, María Jesús Montero.

Mecanismo ordinario

Pero esta situación eventual pola pandemia podería tornar en algo habitual. Ante esta situación, o director xeral da Axencia Tributaria, Jesús Gascón, considera que se os Expedientes de Regulación Temporal de Emprego se converten nun "mecanismo ordinario" dentro de réxime laboral habería que buscar unha solución para as declaracións da renda.

"Se se converte nun mecanismo ordinario dentro do réxime laboral haberá que buscar algunha solución, porque efectivamente prodúcense disfuncións", sinalou Gascón. "Cando empezou isto criamos que ía durar menos. Para uns meses non pasaría nada se pagasen por outro lado ou non retivesen, pero foron pasando os meses e ao final hai xente que estivo en ERTE demasiado tempo", indicou o director da Axencia Tributaria.

Un colectivo que deberá ter especial coidado na súa declaración de 2020 son as persoas que recibisen pagos erróneos por parte do SEPE polos ERTE. Segundo indicou Gascón, estas deben declarar "de acordo ao dato correcto". "Se tes un expediente de reintegro porque che pagaron de máis, non te preocupes, porque os datos fiscais corrixirémolos se o SEPE nos comunica cal é o dato correcto, pero se ti o coñeces declara o dato correcto", insistiu Gascón.

Neste senso, o director da Axencia Tributaria asegurou que están a traballar co SEPE para intercambiar información e que o contribuínte poida coñecer a súa situación e que posibilidades ten. "E se hai unha continxencia porque resulta que o SEPE lle ten que solicitar o reintegro, que llo deamos resolto", dixo.

Investigación do Defensor

Sobre esta mesma cuestión pronunciouse esta semana o Defensor do Pobo, Francisco Fernández Marugán, que anunciou a apertura dunha actuación de oficio ante estas dúas institucións para coñecer as medidas que se aplicarán para evitar que os erros que acumula o SEPE cos abonos a traballadores en  ERTE supoñan unha penalización fiscal para estes cidadáns na próxima campaña de Renda 2020, que comeza o 7 de abril.

Nun escrito enviado a ambos os organismos, a institución pide coordinación, lembra que dispoñen de recursos técnicos e administrativos ao servizo do procedemento e sinala que se podería reducir o impacto do problema mediante un envorcado automático de datos entre as dúas entidades.

Así mesmo, o Defensor apunta que cando se produce unha cobranza indebida, esta deberíase incluír na declaración do IRPF (se está obrigado a presentala) do período en que resulten esixíbeis esas cantidades e unha vez devoltas, solicitar á Axencia Tributaria a rectificación da autoliquidación.

As afectadas por ERTE que cobrasen do SEPE ingresos superiores aos que lles correspondería e que non regularizaron a súa situación antes do 31 de decembro atópanse nunha "situación excepcional", segundo a análise do Defensor do Pobo, que engade que o cobrado de máis e non devolto ao SEPE debe ser incluído no IRPF do exercicio 2020.

comentarios