O diñeiro dos ERTE segue sen chegar

Pese a que o Ministerio de Emprego resolveu 98% dos Expedientes de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) presentados, na Galiza hai centos de persoas que agardan a cobrar a axuda estatal. A situación de moitas delas é de extrema necesidade, xa que son os únicos ingresos que entran no fogar.
O titular da empresa non pode levar persoalmente a explotación do negocio.
photo_camera Búsqueda de emprego

O Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) recoñeceu que xa ten aprobadas 3,4 millóns de prestacións de Expedientes de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) desde o pasado mes de marzo, cando deu inicio o estado de alarma. "O ritmo de recoñecemento actual no SEPE recuperou a normalidade, practicamente non hai prestacións pendentes de recoñecer máis aló das que estamos a corrixir por erros detectados nos seus datos e as que entraron diariamente novas, que se están a recoñecer", indica o director xeral do organismo público, Gerardo Gutiérrez.

Porén, na Galiza hai aínda centos de persoas que seguen sen cobrar. Algunhas levan desde marzo sen ingresos. O Consello Xeral de Xestoras Administrativas fala de 900.000 cidadás en todo o Estado español, aproximadamente 10% do total, con datos do pasado 13 e 14 de maio. Nós Diario puido falar con algunhas destas persoas.

Por exemplo, unha traballadora do sector da automoción que leva desde marzo agardando pola prestación indica que grazas a que o seu mozo tiña "uns cartos aforrados" puideron aguantar até agora, pero se quere pagar o mes que vén de alugueiro terán que "pedir prestado". Na súa empresa, ademais dos cartos do ERTE (70% do salario bruto), ofrécenlle 15% adicional como adianto con cargo á paga extra de xullo. "É pan para hoxe e fame para mañá", lamenta. Como ela están moitas compañeiras, pero tamén hai outras que xa cobraron, como aquelas que solicitaron ao SEPE o adianto do pagamento ao día 3, as que teñen fillos e fillas a cargo ou as que representan a única fonte de ingresos da unidade familiar.

Sector servizos

Outro dos afectados cos que falou este medio é un traballador do sector turístico de Compostela, que leva desde 1 de abril sen cobrar. No seu caso, os seus ingresos son os únicos que entran no fogar, no que convive coa súa parella e as fillas de ambos. A falta de pagamento por parte do SEPE obrigouno a renegociar co dono do piso a renda mensual do alugueiro. Acordou pagarlle un pouco menos do estipulado até que remate o ERTE, "pero eu contaba con que nestes meses ía cobrar os cartos", apunta.

O sector servizos, e máis concretamente as actividades vinculadas ao turismo e á hostalaría, é o que está a pagar en maior medida as consecuencias da crise. Esta mesma semana, o Instituto Nacional de Estatística constataba unha caída de 16,8% na cifra de negocio do terceiro sector na Galiza, na que tampouco saía indemne o sector da automoción.

Atención presencial

O 1 de xuño será o día no que as oficinas do Servizo Público de Emprego Estatal, segundo acordaron os sindicatos CSIF, CCOO e UXT. Esta decisión non foi ben vista por USO, que reclama aos organismos competentes que a apertura ao público non se retome até que as oficinas non garantan as medidas de prevención e os protocolos de seguridade pertinentes, estabelecendo ademais unha atención especial tanto para as traballadoras que son de risco como para as cidadás que o sexan e vaian ás sedes.

Neste senso, desde a central sindical chaman a reflexionar sobre a pertinencia de retomar a atención presencial "cando aínda non se ten solucionado o atasco dos ERTE". "Agora mesmo, sen menosprezar ningunha situación, resolver as prestacións destas miles de traballadoras é unha emerxencia social, e empezar a dedicar parte do escaso cadro de persoal ás tarefas ordinarias dificultará pór os expedientes ao día", engaden.

A situación, pola emerxencia social que supón para moitas das familias galegas afectadas, require dunha solución urxente, na que as entidades financeiras xogan un papel fundamental. O SEPE garante que no presente mes de maio van quedar saldadas todas as débedas. Ese é, cando menos, o acordo ao que chegou a entidade estatal cos organismos financeiros, que se comprometen a adiantar os cartos da prestación.

Os pagamentos vanse realizando a medida que se corrixen os erros "alleos ao seu servizo", como fallos nos números dos documentos ou na información das propias traballadoras, polo que non terán que agardar até o día 10 de xuño para cobrar, como se viña facendo historicamente no SEPE. Como remarcan desde a institución, todas as prestacións pendentes vanse aboar no mes de maio, en virtude do citado convenio asinado coas entidades financeiras e publicado este mesmo mes no Boletín Oficial do Estado (BOE).

Con todo, desde sindicatos como USO sinalan que o acordo aínda non se está a executar na práctica. O tempo corre e moitas galegas e galegos xa non poden agardar máis.

Comentarios