luns 28/09/20

O eólico galego quere medrar no mar e saca peito salientando que creou emprego

A patronal da enerxía eólica galega presentou as súas cifras de 2019 e anuncia que as empresas do sector están en condicións de aproveitar as directrices que virán de Europa para medrar. Creación de emprego e achegas económicas en forma de taxas e impostos son os aspectos positivos que poñen por diante na súa análise de situación.
Parque eólico de Sasdonigas. (Norvento)
Parque eólico de Sasdonigas. (Norvento)

A presentación onte por parte da Asociación Eólica da Galiza (EGA) do informe da situación deste sector das enerxías renovábeis no noso país do ano 2019, así como a súa evolución durante o período comprendido entre 2015-2019, evidenciou o seu bo momento e clarificou que as súas perspectivas de futuro  ollan cara ao mar. O estudo, denominado Impacto Económico e Social do Sector Eólico na Galiza, analiza os cambios regulamentarios, novos marcos lexislativos en relación cos acordos internacionais en materia enerxética, así como os contínuos avances da tecnoloxía. 

O presidente de EGA, Manuel Pazo, anunciou na presentación  que o obxectivo da asociación durante o próximos cinco anos é, "coa instalación das previsións" que teñen, poder "chegar a equilibrar demanda e produción eléctrica até conseguir que o 100% sexa renovábel". A súa meta é "recuperar" a instalación duns 500-600 megawatts anuais nos próximos cinco anos

Impacto no emprego

O informe asegura que a construción da nova potencia eólica propiciou o aumento do emprego, un total de 1.548 postos de traballo equivalentes en 2019.  Ese ano o sector eólico empregou directamente 4.886 profesionais (45% máis que en 2018). Adicionalmente, debido ao efecto de arrastre deste sector sobre outras actividades, xeráronse 2.136 empregos indirectos. En total, o sector eólico empregaba 7.022 profesionais en 2019, de maneira directa e indirecta, asegura a EGA.

Na análise por subsectores o que máis aumentou foi o de Promotores e Explotadores, cun aumento directo de 479 profesionais en 2019. A maior parte dos profesionais do sector atoparíanse ligados non tanto á explotación de parques eólicos como ás actividades do tecido industrial deste sector, representando 90% do total do emprego directo xerado, alcanzando os 4.407 profesionais. En segundo lugar, estaría o subsector de Fabricantes de Equipos, que alcanzou os 718 profesionais seguido das empresas de Servizos Complementarios (2.998 profesionais). 

Repercusión a partir das taxas e impostos

Segundo este traballo, a instalación de parques eólicos repercute de maneira directa tamén na economía local a través do pago de taxas e licenzas nos concellos onde se sitúan, e a través dos pagos de arrendamentos ás persoas que son propietarias dos terreos onde se sitúan estas instalacións. Sinala ademais, como aspecto positivo, que na maior parte dos casos, pode ser compatíbel cos usos tradicionais deses terreos, polo que estas rendas eólicas son ingresos adicionais.

As arcas dos municipios galegas recibiron en 2019 en concepto de impostos 37,5 millóns de euros. Da mesma maneira, o importe das rendas a propietarias e propietarios abonado na Galiza por estas instalacións ascendeu en 2018 a uns 11 millóns de euros. Este sector achegou tamén, a través do Canon Eólico da Xunta, ao redor de 23 millóns de euros que reverten nos entes locais que contan con parques eólicos a través do Fondo de Compensación Ambiental.

Por último, a través do Imposto sobre Sociedades e o Imposto sobre o Valor da Produción da Enerxía Eléctrica o Estado recada 57,7 millóns de euros, o que supón o 48,8% do importe destinado a impostos e tributos deste sector na Galiza. Caso á aparte merece a situación de Muras, concello no que cos ingresos das empresas eólicas conseguiuse abaratar o prezo da luz das súas veciñas e dos seus veciños por decisión do seu Goberno municipal, encabezado polo nacionalista Manuel Requeixo

Obxetivo: medrar na eólica mariña

Na presentación deste informe, a patronal asegura que a industria eólica na Galiza ten presenza "relevante" en todas as actividades da cadea de valor, "mesmo" na eólica mariña. Neste apartado Manuel Pazo incidiu en que a transición enerxética "é un dos obxectivos prioritarios da Unión Europea" e opinou que "a crise vai acelerar esta transición". Neste escenario, considera que "o futuro da xeración é a eólica mariña" e advertiu de que Galiza "conta con todo" para o seu desenvolvemento, debido á "diversificación do naval". Pazo explica que se "está a tentearse o mercado", neste ámbito, que augura que será "a primeira fonte de xeración nos próximos anos en Europa", en concreto a eólica mariña flotante. 

Por último, o informe presentado pon de manifesto o impacto positivo que ten a enerxía eólica en termos de beneficios ambientais, unha cuestión que rexeitan diferentes plataformas e grupos ecoloxistas da Galiza. 

comentarios