A fábrica de rodas das Pontes fica no ar polas trabas da Xunta

As grandes propostas en materia de política industrial da Xunta da Galiza están no ar.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado do vicepresidente primeiro, Francisco Conde, reúnese co presidente de Sentury Tire, Qin Long. 24/03/23.
photo_camera O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado do vicepresidente de Sentury, Qin Long. (Foto:Europa Press).

Na terza feira coñecíase que o proxecto de Altri para Palas de Rei non cumpre cos criterios para recibir financiamento extraordinario a cargo do programa de axudas da UE Next Generation e onte transcendeu que a compañía chinesa Sentury comezará a construír o vindeiro mes unha fábrica de rodas en Marrocos, similar á prevista para As Pontes.

Sentury acaba de facer público que as obras da súa factoría de Tanxer (Marrocos) arrancan en xullo. A fábrica, análoga á proxectada para o concello das Pontes (Eume), prevé producir seis millóns de pneumáticos para automóbiles e camións lixeiros ao ano, cunha produción no primeiro exercicio de 3,6 millóns de unidades.

Segundo se desprende da autorización outorgada polo Goberno chinés, o investimento será de 280 millóns e entrará en funcionamento en xullo do ano 2026.

A decisión de Sentury de asentarse en Marrocos coñeceuse en xaneiro de 2023, practicamente un ano e medio despois de facerse público o seu proxecto para As Pontes. Porén, a tramitación desta última iniciativa leva paralizada desde decembro de 2022, cando Augas da Galiza outorgou á empresa andaluza Magtel a explotación do lago das Pontes para erguer unha central hidroeléctrica reversíbel de 250 megawatts, que a compañía pretende financiar a cargo dos fondos Next Generation.

A concesión de Magtel

Os perigos da concesión do lago das Pontes a Magtel por parte da Xunta da Galiza xa foron advertidos naquela altura por Nós Diario. A maiores de comprometer o emprazamento na localidade da fábrica de Sentury, pon en risco a viabilidade doutros proxectos empresariais que requiren desa concesión, entre eles a factoría de hidróxeno verde promovida por Reganosa e EDP, que recibiu axudas dos fondos Next Generation, e que require parte da auga outorgada a Magtel.

A posición da Xunta da Galiza nesta cuestión compromete a creación de arredor de 750 postos de traballos. Malia que a compañía chinesa continúa amosando publicamente a súa disposición a erguer a súa factoría nas Pontes, as persoas coñecedoras do proxecto dubidan desta hipótese. Neste sentido, fontes consultadas por Nós Diario advirten de que a fábrica de Marrocos deixa no ar a iniciativa de Sentury Tire na Galiza.

As mesmas fontes consideran "estraña" a creación de dúas factorías, unha en Tanxer e outra nas Pontes, moi próximas e en áreas xeográficas semellantes, polo que subliñan a posibilidade de que o proxecto na Galiza sexa substituído pola opción marroquí, tendo en conta ademais que o país africano tamén ten un acordo de libre comercio cos Estados Unidos de América.

Os atrancos da Xunta

Os atrancos á tramitación da iniciativa de Sentury por parte do Goberno galego xeran grandes problemas ao proxecto, malia ser cualificado como estratéxico polo Consello da Xunta da Galiza e ser considerado chave por Alfonso Rueda. A este respecto, o proxecto da compañía chinesa acumula importante atrasos, xa que a súa proposta inicial era comezar as obras da fábrica das Pontes a finais de 2022 e rematalas no ano 2024.

Comentarios