Ence di que estuda abrir unha fábrica de biomateriais e papel tisú nas Pontes

O consello de administración de Ence trasladoulle esta segunda feira ao presidente da Xunta que estuda instalar unha fábrica de biomateriais e de papel tisú nas Pontes.

Unha mariscadora diante de Ence. (Foto: Salvemos Monteferro)
photo_camera Unha mariscadora diante de Ence. (Foto: Salvemos Monteferro)

En concreto, segundo avanzou o presidente da compañía, Ignacio Colmenares, emprazaríase na localización da central térmica.

Segundo as primeiras estimacións, a compañía cifra entre 330 e 350 millóns de euros o investimento. Ademais, calcula que poderían traballar, directamente, 150 empregados, outras 400 persoas relacionadas con empresas de mantemento ou transportes e "algo máis de 1.000 persoas" relacionadas con empregos indirectos.

Así, Colmenares detallou que estudan instalar nas Pontes unha planta de recuperación de papel e de cartón que produciría fibras recuperadas, coa posibilidade de incluír no proceso fibra virxe proveniente da factoría de Pontevedra e iso, engadiu, "acabaría en papel tisú mixto, recuperado e virxe".

Así mesmo, o presidente da compañía insistiu en que é un proxecto "complementario" ao de Lourizán e "non alternativo". Neste sentido, explicou que non van fabricar celulosa nas Pontes, senón que van recuperar "papel e cartón e fabricar fibras recuperadas" que mesturarán con "celulosa virxe", que chegaría da planta de Pontevedra. En todo caso, reiterou que "polo tamaño ou polo consumo de auga, non se parece en nada a unha fábrica de celulosa".

Ignacio Colmenares manifestou tamén que o proxecto levarase a cabo unha vez que se confirme a viabilidade "técnica, financeira e económica". Así, explicou que terán que empezar a solicitar cuestións como o punto de conexión da auga ou de conexión eléctrica e deberanse transformar os terreos en industriais.

Tras unha reunión na que tamén participou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, mostrou o "compromiso" da Xunta con este proxecto e agradeceu "o compromiso de Ence con Galiza". Nesta mesma liña, Conde asegurou que a administración autonómica acompañará a Ence nas súas necesidades para avaliar a viabilidade técnica, ambiental, financeira e económica deste novo proxecto.

Precisamente, o PP, formación política á fronte do Goberno galego, leva anos posicionándose activamente contra a saída da fábrica de celulosas da ría de Pontevedra.

O anuncio ten lugar días despois da manifestación que decorre cada ano contra a permanencia da factoría de Ence na ría de Pontevedra.

Ence rexistrou no primeiro trimestre de 2022 un beneficio neto atribuído de 13 millóns de euros no primeiro trimestre de 2022, fronte ás perdas de 9,6 millóns de euros que rexistrou no mesmo período do exercicio anterior. O encarecemento da materia prima, a celulosa, e a alta demanda dos derradeiros meses foron as causas que argumentou a empresa para o aumento de beneficios.

A continuidade de Ence en Lourizán depende agora do Tribunal Supremo, logo de que a empresa presentase un recurso contra a decisión da Audiencia Nacional de anular a prórroga da concesión que aprobara o Goberno de Mariano Raxoi en funcións por considerala ilegal.

Comentarios