Endesa desdise e proxecta unha planta de hidróxeno nas Pontes para obter fondos europeos

Despois de anunciar o desmantelamento definitivo da central das Pontes, ao entender que o proxecto de biocombustíbeis mesturados con carbón non resultaba viábel, Endesa muda de parecer e anuncia un proxecto que pasa pola posta en marcha dunha planta de hidróxeno.

Central térmica das Pontes (Foto: Endesa)
photo_camera Central térmica das Pontes (Foto: Endesa)

A empresa busca así optar aos fondos europeos de reactivación e condiciona a estes o investimento de máis de 100 millóns de euros no municipio das Pontes. Explicouno na Mesa da Transición, un encontro no que asegurou que o proxecto implicaría a creación dun cento de postos de traballo.

Segundo informa Europa Press, Endesa trasladou ao Ministerio de Transición Ecolóxica a iniciativa, que se desenvolvería na central térmica das Pontes. Tamén expuxo a posibilidade de que existan outros dous proxectos máis na zona de capital privado. Sinalou que estarían ligados á dispoñibilidade de solo no prazo dun ano.

Por outra banda, a enerxética garantiu o emprego de traballadoras e traballadores de empresas auxiliares até o mes de Xunto.

Persoal técnico da Xunta da Galiza e do Goberno estatal expuxeron a viabilidade do uso de biocombustíbeis, despois de que Endesa sinalase o contrario hai uns días como xustificación para o fechamento da central. Dentro de dúas semanas haberá unha nova reunión para avaliar a súa viabilidade económica.

O cara ao fechamento da central térmica iniciouse en decembro de 2019 e activouse o Plan Futur-e na procura de proxectos empresariais que se implantarían na localidade, mais o informe final negativo da iniciativa para instalar unha planta de biocombustíbeis supuxo o anuncio final do desmantelamento das instalacións das Pontes.

Fontes da empresa xustificaran a decisión de desbotar a iniciativa dos biocombustíbeis debido á sua "inviabilidade ambiental, técnica e económica", o que na práctica viña confirmar a desaparición da actividade no complexo industrial.

O anuncio do fechamento definitivo das Pontes supuxo o punto de inflexión para que os sindicatos convocasen en Ferrolterra unha folga xeral ante a "emerxencia económica". Decorrerá o 25 de febreiro.

Comentarios