luns 08/03/21

A "emerxencia económica" trae a folga xeral a Ferrolterra, Ortegal e Eume

As comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal vivirán o vindeiro 25 de febreiro unha xornada de folga xeral convocada pola CIG, CCOO e UXT diante do que consideran unha "situación de emerxencia social e económica" da zona nestes momentos.
Traballadoras e traballadores do estaleiro de Navantia Ferrol e da auxiliar nunha concentración en Ferrol (Europa Press)
Traballadoras e traballadores do estaleiro de Navantia Ferrol e da auxiliar nunha concentración en Ferrol (Foto: Europa Press)

Os anuncios de fechamentos definitivos da planta de Gamesa nas Somozas e de Endesa nas Pontes así como a falta de carga de traballo de Navantia confirmaron unha situación extrema que os sindicatos denunciaron en varias ocasións, a última en decembro realizando unha cadea humana entre Ferrol e Narón. Agora, desde a CIG, CCOO e UXT fan un chamamento, a través dun comunicado conxunto, á folga xeral para o día 25 de febreiro. 

As organizacións sindicais poñen como prioridade accións concretas de carácter "urxente". Sinalan que "só vale actuar, e iso é o que demandamos: carga de traballo para o naval, unha transición ecolóxica xusta, sen perda de postos de traballo" como aconteceu nos últimos meses. 

Manel Grandal (CIG Ferrol) afirma que a actual situación "non é unha sorpresa", en todo caso si "é unha sorpresa que non haxa resposta da Xunta e o Goberno español a estas alturas". Afirma a Nós Diario que as Administracións "sabían que pasaría" e aínda así "os orzamentos que fixeron para estas comarcas foron o que foron".

Outro sindicalista, Santiago Díaz (CCOO-Ferrol), amosa a súa sorpresa a Nós Diario polo feche "dun fabricante de pás de eólicos" cando "a poucos quilómetros está a central das Pontes que aseguran que o seu futuro está nese sector das renovábeis". Nese tema os sindicatos reclaman "proxectos de enerxías renovábeis que leven acompañados proxectos industriais", infraestruturas que "se deben desde hai décadas, así como investimentos que atraerían proxectos industriais", tendo en conta "un plan integral da ría de Ferrol que faga revivir o sector marisqueiro". 

Xuntanza de alcaldes, empresarios e sindicatos

As alcaldías de Ferrol, As Pontes, As Somozas, Cabanas, Cariño, Cedeira, Cerdido, Mugardos, Narón, Neda, Pontedeume e Valdoviño mantiveron hoxe unha reunión telemática con representantes da CIG e CCOO  así como con tres asociacións do empresariado. Do encontro xurdiu a proposta de convocar ao Goberno español da Xunta e ao central "á mesa de traballo que se vai a constituír coa participación dos representantes políticos, empresariais e sindicais". As demandas coinciden coa petición de carga de traballo para Navantia e a procura de "alternativas aos feches".

As alcaldías nacionalistas de Fene, Moeche e San Sandurniño, rexeitaron participar, debido "ás continuas modificacións na fórmula da convocatoria, así como no número de participantes" considerando que "o PSOE, co alcalde de Ferrol á cabeza, parece estar máis preocupado na forma en que se faga a reunión que no tema que se vai a tratar".

O BNG denuncia o seu "abandono sistemático"

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, responsabiliza do feche de empresas nestas comarcas tanto á Xunta como ao Goberno central polo "abandono sistemático e continuado" destas zonas. A nacionalista acusa ao Executivo autonómico de "non ter unha política industrial para esta zona" e de "non dispor dunha estratexia que poida salvar o tecido económico e produtivo". En relación ao Goberno español, Pontón asegura que "leva décadas practicando unha política sistemática de desmantelamento do sector naval". Para o Bloque hai que actuar no caso da central térmica de Endesa, a planta de Siemens Gamesa, o sector naval e a situación das mariscadoras e dos mariscadores que explotan a ría. 

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, propuxo, polo seu lado, a creación dun "plan de industrialización prioritario para Ferrolterra" no que se inclúan todas as políticas industriais que permitan coordinar ao conxunto das administracións, empresarios e sindicatos para "sacar a comarca adiante". Avanzou, ademais, que levará ao Parlamento   galego "un plan Ferrolterra" asegurando que se dediquen "parte dos fondos europeos e do Estado, máis de 1.100 millóns este 2021, para esta comarca".

comentarios