O Consultivo frea o paso adiante dado para que Ence abandone Lourizán

A Xunta xa manifestara estes días a súa intención de agardar a este ditame, que asegura que é "perfectamente viábel" abscribir os terreos de Ence ao porto de Marín. Ante esta nova, representantes da compañía quixeron agradecer o apoio da Xunta en todo o proceso. Hai escasos días a Audiencia Nacional volveu emitir un fallo que impulsaba o traslado da factoría da ría de Pontevedra.
Factoría de Ence en Pontevedra nunha imaxe de arquivo. (Foto: Xaquín Soliño)
photo_camera Factoría de Ence en Pontevedra nunha imaxe de arquivo. (Foto: Xaquín Soliño)

Coa Asociación Pola Defensa da Ría (APDR) e o Concello de Pontevedra aínda celebrando -ou case- o último fallo da Audiencia Nacional en contra da permanencia de Ence na ría de Pontevedra por máis tempo, o ditame do Consello Consultivo dado a coñecer esta sexta feira obriga a recuar ese paso adiante que se dera hai escasos días.

O Consultivo, cuxa opinión fora requerida pola Xunta da Galiza coa intención de garantir o futuro da factoría en Lourizán, vén de asegurar que é "perfectamente viábel" adscribir os terreos de Ence ao dominio da Autoridade Portuaria de Marín tal e como propuxera o Goberno de Alberto Núñez Feixoo.

No seu ditame concretou que é posíbel sempre que sexan "necesarios" para a actividade da celulosa. O texto indica que é unha opción "sempre que estes terreos sexan necesarios para o desenvolvemento dos usos portuarios" contemplados nas leis e que se teñan en conta "os trámites legalmente estabelecidos para a devandita modificación".

Así o conclúe o órgano consultivo ao que a Xunta remitiu unha pregunta sobre esta posibilidade, exposta polo cadro de persoal, nunha parte final de informe, á que tivo acceso Europa Press, na que o Consello non se pronuncia sobre o cumprimento das tres sentencias da Audiencia Nacional nas que anula a prórroga da concesión neses terreos. Sobre este fallo cabe recurso.

Para o Consultivo, segundo recolle o informe, o feito de que a sentenza da Audiencia Nacional non estea en fase de execución aínda permite que "non obrigue ao seu cumprimento actual", polo que, sostén, "no momento presente non cabe manter que a incorporación (de terreos) supoña un incumprimento, directo ou indirecto".

Por tanto a mudanza, depende do Goberno español e a respecto diso Feixoo afirmou tras reunirse coa ministra Ribeira que saíu "máis tranquilo" e asegurou saír co compromiso do Executivo para que Ence quede na Galiza.

O argumento do Porto

O Consello Consultivo sostén, ademais, que a xustificación ofrecida polo Porto de Marín sobre a ampliación dos terreos responde "a criterios obxectivos e acordes cos que han de presidir a xestión do sistema portuario estatal" e a "determinación da zona de servizo do porto, sen que se presente como unha alternativa arbitraria ou manifestamente irrazoábel".

Neste contexto, Ence emitiu un comunicado agradecendo que o Goberno galego estea a apoiar a súa permanencia en Lourizán, malia a gran oposición cidadá.

Comentarios