Sen tregua: o FMI advirte que a inflación seguirá a medrar en 2024

O organismo internacional cre que o déficit se reducirá o vindeiro ano no Estado español e que a inflación fechará 2023 na contorna de 3,5%.
Kristalina Georgieva, directora do FMI. (Foto: Europa Press)
photo_camera Kristalina Georgieva, directora do FMI. (Foto: Europa Press)

O Fondo Monetario Internacional (FMI) anticipa que a taxa de inflación fechará este ano no Estado español nunha media de 3,5%, para repuntar a 3,9% o próximo exercicio, a partir de cando o aumento de prezos se moderará, até 2,1% en 2025 e en ao redor de 1,7% os seguintes anos.

Deste modo, a taxa de inflación no Estado, que este ano será inferior á media de 5,5% estimada para a eurozona, en 2024 superará a taxa estimada de 3,2%, para igualarse en 2025 no 2,1%. A partir desa data, o prognóstico do FMI para a inflación da zona euro anticipa unha taxa de 2% en 2026 e de 1,9% en 2027 e 2028.

O déficit reducirase por baixo de 3%

Por outro lado, o Estado español logrará o próximo ano rebaixar o desequilibrio das súas contas públicas por baixo do limiar de 3%, cando o déficit se situará en 2,957% do Produto Interior Bruto (PIB), fronte ao 3,921% estimado polo FMI para 2023, segundo os datos actualizados desta institución internacional.

Con todo, a medio prazo, as proxeccións do FMI contemplan que o déficit español se manterá en ao redor de 3,4% do PIB durante o resto de exercicios do horizonte temporal das súas proxeccións macroeconómicas, que alcanzan até 2028.

En canto á débeda pública do Estado, o organismo dirixido por Kristalina Georgieva espera que feche o presente curso en 107,3% do PIB, fronte a 111,6% de 2022, para seguir reducíndose nos seguintes anos, até 104,7% en 2024 e 103,9% un ano despois, manténdose en 103,8% até 2028. Sobre o crecemento da economía española, as previsións da entidade contemplan unha expansión de 2,1% en 2025 e de 1,8% en 2026.

Comentarios