A inflación repunta por terceiro mes consecutivo e escala até 3,5% pola suba da electricidade e os carburantes

A taxa interanual do IPC volve superar o 3% após tres meses por baixo desta cota e sitúase no seu nivel máis elevado desde abril, cando alcanzou 4,1%.
Varios vehículos enchendo o depósito nunha gasolineira de Lugo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
photo_camera Varios vehículos enchendo o depósito nunha gasolineira de Lugo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

O índice de prezos de consumo (IPC) aumentou dúas décimas en setembro en relación ao mes anterior e elevou nove décimas a súa taxa interanual no conxunto do Estado español, até 3,5%, o seu valor máis alto desde o pasado mes de abril, debido ao encarecemento da electricidade e os carburantes. Co avance de setembro, a inflación encadea tres meses consecutivos de ascensos despois de que en xullo e agosto subise catro e tres décimas, respectivamente, segundo os datos avanzados polo INE esta quinta feira, que non especifican o IPC relativo á Galiza.

Con base nestes rexistros, a taxa interanual do IPC volve superar o 3% após tres meses por baixo desta cota e sitúase no seu nivel máis elevado desde abril, cando alcanzou 4,1%. Estatística atribúe esta repunta da inflación en setembro á suba dos prezos da electricidade, fronte ao descenso que experimentaron un ano antes, e, en menor medida, ao encarecemento dos carburantes, en contraste coa rebaixa de prezos que rexistraron en setembro de 2022.

Desde o Ministerio de Asuntos Económicos e para a Transformación Dixital, departamento que dirixe en funcións Nadia Calviño, destacan que os datos do IPC de setembro "reflicten o efecto base nos prezos da electricidade e, en menor medida, nos carburantes", á vez que destacou que "España leva máis dun ano entre os países con menor inflación e maior crecemento da zona euro".

O INE incorpora no avance de datos do IPC unha estimación da inflación subxacente —sen alimentos non elaborados nin produtos enerxéticos—, que en setembro baixou tres décimas, até 5,8%, unha taxa 2,3 puntos superior á do IPC xeral e a máis baixa desde xuño de 2022, cando se situara na contorna de 5,5%. Neste senso, o Ministerio defende que as medidas de política económica adoptadas polo Goberno estatal "están a favorecer a competitividade das empresas españolas, a ganancia de cota de mercado e o aumento do poder adquisitivo dos salarios".

En termos mensuais —setembro sobre agosto—, o IPC rexistrou un aumento de dúas décimas, tres menos que a suba do mes anterior. Con este repunta, que se traduce en que os prezos medraron dúas décimas en só un mes, a inflación encadea catro meses consecutivos de alzas mensuais.

No noveno mes de 2023, por outra parte, o índice de prezos de consumo harmonizado (IPCH) situou a súa taxa interanual en 3,2%,oito décimas por riba do dato do mes anterior. E a variación mensual estimada do IPCH foi de 0,6% en setembro.

O INE publicará todos os datos definitivos do IPC de setembro o próximo 13 de outubro, desta volta xa debullando os datos por grupos de bens —alimentos, carburantes, vivenda, etc.— e ofrecendo toda a información relativa á Galiza.

Comentarios