As empresas eólicas ingresaron na Galiza 1.989 millóns en 2022

As compañía eléctricas con actividade na Galiza obtiveron en 2022 uns ingresos de 1.989,6 millóns de euros. A maior facturación correspondeuse cos meses de marzo con 252,4 millóns de euros, outubro con 188,4 millóns de euros, xaneiro con 165,2 millóns de euros e decembro con 163,4 millóns de euros
Parque eólico operativo en Esgos, na comarca de Ourense (Foto: Agostime / Europa Press).
photo_camera Parque eólico operativo en Esgos, na comarca de Ourense. (Foto: Agostime / Europa Press)

O prezo da electricidade no mercado grosista rexistrou un custo medio para a anualidade de 204,7 euros megawatts/hora (MW/h). As tarifas máis elevadas déronse nos meses de marzo con 294,3 euros MW/h, de agosto con 252 euros MW/h, de setembro con  217,2 euros MW/h e de xaneiro con 210 euros MW/h. Precisamente, os prezos máis elevados en todas estas mensualidades estiveron fixados pola electricidade de orixe hidráulica.

A produción eléctrica de orixe eólica situouse en 2022 na Galiza en 9.719.900 MW/h. Segundo os datos que vén de fornecer Rede Eléctrica Española (REE) para ese exercicio, os meses con máis xeración de procedencia eólica correspondéronse con outubro, con 1.162.090 de MW/h, con novembro, con 1.131.435 MW/h, e con decembro, con  1.113.995 MW/h. Neste caso, as cifras do último trimestre do ano resultaron decisivos para manter os niveis medios de xeración do país nos últimos anos.

Aumento de beneficios

As empresas enerxéticas aumentaron os seus ingresos en relación a 2021 en 854,9 millóns de euros. Neste sentido, a facturación das compañías enerxéticas pola súa produción renovábel nesa anualidade foi de 1.134,7 millóns de euros, acadando a maior recadación no meses de decembro con 287,7 millóns de euros, en novembro con 239,2 millóns de euros, en outubro con 167,2 millóns de euros e en xaneiro con 114,7 millóns de euros.

A electricidade incrementou o seu prezo en 2022 en 72,4% en relación coa anualidade pasada. Segundo as cifras achegadas polo Operador do Mercado Ibérico da Enerxía, en 2021, o prezo medio anual da electricidade no mercado grosista situouse en 118,7 euros MW/h. Así, os custos máis elevados rexistráronse en novembro, con 274,5 euros MW/h, en decembro con 239,1 euros MW/h e en outubro con 212,2 euros MW/h. Concretamente, o custo da electricidade disparouse na segunda metade do ano.

A xeración eléctrica de orixe eólica rexistrou uns datos moi semellantes neses dous exercicios. A este respecto, a produción de 2021 ficou en 9.560.091 MW/h, 159.809 MW/h menos que en 2022. Nesta dirección, a xeración eólica acadou os seus números máximos en febreiro, con 1.273.594 MW/h, en decembro, con 1.190.750 MW/h, en xaneiro, con 1.025.512 MW/h e en novembro, con 871.577 MW/h.

Iberdrola

Galiza representa unha parte importante na conta de resultados das compañías enerxéticas con sede en Madrid e Euskadi. Neste último caso, atópase o primeiro xerador de electricidade de orixe eólico, Iberdrola, con 599,5 megawatts e 18 parques no país, sendo os seus accionistas de referencia o fondo soberano de Qatar, con 9,72%, Kutxabank, o Banco de Noruega e o fondo de investimentos estadounidense Blackrock.

Acciona Enerxía písalle os talóns a Iberdrola. A sociedade madrileña propiedade da familia Entrecanales explota 562,3 megawatts e 26 parques eólicos na Galiza, construídos entre 1998 e 2005. A continuación sitúase outra empresa con enderezo en Madrid, Naturgy, con 93,2 megawatts e 16 complexos de xeración no país, sendo o seu principal accionista a financeira La Caixa, con 24,4% do capital. A compañía pública italiana Enel, propietaria da antiga Endesa e con sede social na capital do Estado, é o cuarto operador eólico do país, con 262 megawatts e 13 parques operativos.

Comentarios