Empresarios reclaman a conexión do porto de Ferrol ao tren de mercadorías: "É un despropósito"

"Hai que exixir con contundencia que termine a marxinación de Ferrol e a súa comarca, que o Goberno estatal adopte decisións firmes e significativas que impulsen a economía e o emprego no noso territorio", sentenciou o presidente de Iniciativa Empresarial do Noroeste, Manuel Pérez.
Porto de Ferrol (Foto: Gregorio Puga).
photo_camera Porto de Ferrol (Foto: Gregorio Puga).

A organización Iniciativa Empresarial do Noroeste (IEN) pediu ao Goberno español que defenda ante a Comisión Europea en Bruxelas a conexión de Ferrol co tren de mercadorías, para así corrixir a "marxinación" do porto ferrolán na planificación da rede europea de transporte.

O presidente da IEN, Manuel Pérez, lembrou que a estratexia trazada pola Comisión pon a dársena da Coruña na rede prioritaria do corredor atlántico, que deberá estar lista en 2030, mentres que relega a Ferrol á rede global, que se atrasará até 2050.

"É intolerábel que, unha vez máis, Ferrol sexa desprezado, condenado a perder un factor de competitividade fundamental para o futuro. É necesaria a presión para reparar este despropósito", dixo Pérez, segundo recolle a IEN nun comunicado. Para Pérez, trátase dunha decisión política, polo que "se pode mudar desde a propia política", insistindo na importancia de que o Executivo español se implique no asunto.

"Terminar coa marxinación"

O presidente da IEN puxo o foco en que o feito de que Ferrol quede "en espera para a seguinte fase" significa que non poderá aspirar aos "tan necesarios" fondos europeos para garantir a adecuación das infraestruturas ferroviarias á intermodalidade da rede.

"Hai que exixir con contundencia que termine a marxinación de Ferrol e a súa comarca, que o Goberno estatal adopte decisións firmes e significativas que impulsen a economía e o emprego no noso territorio", sentenciou o presidente da IEN que insistiu en que a organización que preside é "unha estrutura imprescindíbel para achegar a realidade comunitaria" ao sector empresarial do noroeste peninsular.

Comentarios