O Goberno estatal exclúe a Galiza das autoestradas ferroviarias de mercadorías

O Goberno estatal deixa fóra Galiza da súa proposta de autoestradas ferroviarias de mercadorías. O plan pretende impulsar este tipo de transporte na liña das recomendacións da Unión Europea. Malia contar o Estado cunha ampla rede ferroviaria, 95,7% do total das mercadorías desprázanse
por estradas.
Corredores prioritarios para as autoestradas ferroviarias de mercadorías. (Infografía: Nós Diario)
photo_camera Corredores prioritarios para as autoestradas ferroviarias de mercadorías. (Infografía: Nós Diario)

O documento Mercancías 30 do Ministerio español de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana recolle a proposta de autoestradas ferroviarias aprobada polo Goberno do Estado.

Esta iniciativa pretende "potenciar o transporte ferroviario de mercadorías como eixo que vertebre as cadeas loxísticas multimodais". Neste sentido, o relatorio defende subvencionar as empresas, dixitalizar o transporte, adaptar as infraestruturas, xestionar mellor a capacidade da rede, habilitar terminais onde fan falta e despregar as autoestradas ferroviarias.

As autoestradas ferroviarias son unha conexión onde os gálibos dos túneles e o chan dos vagóns están adaptados de tal forma que o comboio pode levar tráileres enteiros ou semirremolques. Neste sentido, vén ser a translación ao sistema ferroviario das autoestradas do mar, reclamadas ao Estado español de modo insistente pola Comisión Europea. A este respecto, as autoridades comunitarias afean aos seus homólogos españois que 95,7% das toneladas de mercadorías sexan transportadas por estrada e só 4% por ferrocarril, 13,8 puntos por baixo da media da Unión Europea.

A particularidade das autoestradas ferroviarias é que permiten que un tráiler enteiro ou o seu semirremolque suban a vagóns específicos para continuar a ruta sobre o ferrocarril. Nesta dirección, a primeira destas autoestradas inaugurouse no Estado español en 2019, da man da empresa pública francesa SNCF, movendo por este procedemento mercadorías entre Barcelona e Luxemburgo.

Liñas prioritarias

O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, no seu relatorio Mercancías 30, define as liñas prioritarias para a implantación das autoestradas ferroviarias tanto en vías de ancho internacional como en ibérico. Así, entre as primeiras, aposta polo eixo Murcia-València-Barcelona-Figueres, cun estudo de como adaptar os gálibos actuais aos trens da autoestrada. Pola súa parte, en relación coas segundas, sitúa a conexión entre Gasteiz e Irún en Euskadi.

O documento de traballo do Goberno estatal indica que para a rede de ancho ibérico "os itinerarios potenciais discorren desde Huelva, Sevilla e Algeciras cara a Madrid; desde Madrid cara a Zaragoza e Barcelona; desde Madrid cara a València e desde Madrid cara a a Valladolid e Jundiz (Araba); así como entre Medina del Campo (Valladolid) e a fronteira portuguesa por Fuentes de Oñoro (Salamanca) e entre Zaragoza, Iruña e Gasteiz. A definición destas vías responde a criterios radiais, primando Madrid como centro da malla comunicativa e deixando fóra da mesma Asturias, Cantabria, Galiza e Estremadura.

Un plan cos ollos postos en Madrid

As pautas de desenvolvemento dos servizos ferroviarios no Estado son unha anomalía en todo o espazo europeo, xa que ningún dos países ten como obxectivo unir as súas cidades máis importantes coa capital estatal. O deseño dos trazados dos camiños de ferro españois responden a razóns ideolóxicas dirixidas a coser o edificio estatal, prescindíndose na súa definición de dar prioridade á demanda potencial do tráfico nas liñas a modernizar e da necesidade do tráfico de mercadorías como función a realizar polo sistema ferroviario.

As razóns da exclusión da Galiza da rede de autoestradas ferroviarias non é explicada polo Goberno do Estado no seu documento, onde considera que se priman "certos corredores con maior potencial" para a posta en marcha desta modalidade de transporte, aproveitando a rede dos camiños de ferro.

Porén, malia a precariedade da liña ferroviaria galega, que impide un maior desenvolvemento das súas posibilidades, a pasada anualidade saíron da Galiza 7.598 comboios con diversas mercancías. Na mesma dirección, a conexión ferroviaria con Portugal proxéctase por Castela e León.
O Executivo estatal márcase o ano 2030 para pór en marcha toda esta planificación, destinando á súa execución un total de 1.046 millóns de euros procedentes dos fondos do programa comunitario Next Generation.

Os deseños ferroviarios

A discriminación da Galiza nos deseños ferroviarios estatais vén de lonxe. Pode seguirse ao través dos tres últimos séculos con exemplos ben paradigmáticos. O acontecido coas autoestradas ferroviarias de mercadorías é un caso máis nunha tendencia xeneralizada.

Comentarios