PP denuncia exclusión da Galiza das autoestradas ferroviarias

A senadora do PP por Pontevedra, Pilar Rojo, volve a denunciar a exclusión da Galiza das autoestradas ferroviarias. Neste sentido, reclama a comparecencia na Cámara Alta da secretaria de Estado de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana, Isabel Pardo de Vera.

Adif realiza probas no tramo de alta velocidade Pedralba de la Pradería-Ourense
REMITIDA /  HANDOUT por ADIF
ADIF
5/2/2021
photo_camera 7.598 comboios con diversas mercancías saíron da Galiza en 2021. (Foto:Adif)

A exclusión da Galiza das autoestradas ferroviarias volve ao centro do debate político.  A nova, adiantada por Nós Diario en agosto, refírese á estratexia de comunicación por camiño de ferro presentada polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana e recollido no relatorio ‘Mercancías 30’.

A proposta define as liñas prioritarias para a implantación das autoestradas ferroviarias tanto en vías de ancho internacional como en ibérico. Así, entre as primeiras, aposta polo eixo Murcia-València-Barcelona-Figueres, cun estudo de como adaptar os gálibos actuais aos trens da autoestrada. Pola súa parte, en relación coas segundas, sitúa a conexión entre Gasteiz e Irún en Euskadi.

Ancho ibérico

O documento de traballo do Goberno estatal indica que para a rede de ancho ibérico "os itinerarios potenciais discorren desde Huelva, Sevilla e Algeciras cara a Madrid; desde Madrid cara a Zaragoza e Barcelona; desde Madrid cara a València e desde Madrid cara a Valladolid e Jundiz (Araba); así como entre Medina del Campo (Valladolid) e a fronteira portuguesa por Fuentes de Oñoro (Salamanca) e entre Zaragoza, Iruña e Gasteiz. A definición destas vías responde a criterios radiais, primando Madrid como centro da malla comunicativa e deixando fóra da mesma Asturias, Cantabria, Galiza e Estremadura.

As razóns da exclusión da Galiza da rede de autoestradas ferroviarias non é explicada polo Goberno do Estado no seu documento, onde considera que se priman "certos corredores con maior potencial" para a posta en marcha desta modalidade de transporte, aproveitando a rede dos camiños de ferro.

Malia a precariedade da liña ferroviaria galega, que impide un maior desenvolvemento das súas posibilidades, a pasada anualidade saíron da Galiza 7.598 comboios con diversas mercancías. Na mesma dirección, a conexión ferroviaria con Portugal proxéctase por Castela e León.

Críticas de Rojo

Rojo afirma que “o Corredor Atlántico forma parta da Rede básica de corredores ferroviarios da Unión Europea e constitúe un dos nove corredores prioritarios europeos”. Asemade, reclama unha  rectificación no plan de comunicacións presentado polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.

A senadora popular esixe “a inclusión do Corredor Atlántico no mapa de  autoestradas ferroviarias, a elaboración dun plan director e o nomeamento do seu comisionado”. Na mesma dirección, defende “a mellora das conexións con Portugal coa construción da saída sur de Vigo e primar das conexións ferroviarias cos portos da fachada atlántica e coas principais plataformas loxísticas”.

  

Comentarios