Empresarios ameazan co traslado e critican que as comunidades de montes non manteñan as condicións que lles ofreceran os usurpadores dos terreos

Empresarios de Vigo e Mos acuden a Valença e ameazan con trasladar as súas empresas se as comunidades de montes non aceptan manter as condicións que tiñan cos usurpadores dos terreos.
Os empresarios en Valença. (Foto: Aemos)
photo_camera Os empresarios en Valença. (Foto: Aemos)

O presidente da Cámara Municipal de Valença (Portugal), José Vaz Carpinteira, recibiu esta semana a un grupo de empresarios de Vigo e Mos para estudar o traslado das súas compañías á cidade lusa desde os polígonos Monte Faquiña, en Mos, Cotogrande e O Gorxal, en Vigo.

Os empresarios aduciron a “presión” e “inseguridade” que, segundo eles, están a xerar as comunidades de montes en man común de Cabral (Vigo) e Tameiga (Mos).

A Asociación de Empresarios de Mos (Aemos) informou de que estes contactos son “máis intensos” pola “inamovíbel” postura da comunidade de montes de Tameiga de “incrementar desmesuradamente” o canon que pagan polos terreos nos que teñen as instalacións.

A patronal recoñece que “a problemática xurdiu a raíz de que os tribunais outorgaran a propiedade do chan que ocupan as compañías ás comunidades de montes”, acusándoos de “non respectar as condicións dos contratos fixados no seu día polo Concello de Mos”.

Porén, non mencionaron as condicións favorábeis nas que puideron desenvolver a súa actividade até que en 2015 a Xustiza devolveu á comunidade de montes de Tameiga os terreos que xestionaba o Concello de Mos, gobernado polo Partido Popular.

Conflito polo centro comercial do Celta

A isto hai que engadir o conflito entre os comuneiros e a alcaldesa da vila, Nidia Arévalo, por permitir ao Celta desenvolver un centro comercial en terreos que non eran do Concello.

Outro tanto acontece en Vigo, onde un xuíz de primeira instancia outorgou á comunidade de montes de Cabral terreos do polígono do Gorxal, vendidos por particulares e polo Concello de Vigo.

Comentarios