Empregadas do fogar secundan a Folga Xeral en defensa dos seus dereitos

Consideran que as políticas de recortes do PP "só facilita a miseria e a perda de dereitos sociais e laborais no canto de facilitar o acceso a traballo en condicións dignas para as traballadoras e traballadores"
Xiara

A Asociación de Empregadas do Fogar Xiara secundará a folga xeral de mañá. A través deste comunicado, o colectivo expón que o apoio á xornada de paro parte da defensa "dun dos piares dos dereitos fundamentais : o traballo, pero non como forza de traballo barata e a baixo custe senón con condicións dignas".

Xiara sinala que no sector do emprego doméstico, "por desgraza, temos experiencia en aturar condicións de precarización, e case de escravitude". Logo de moita loita, afirman, "conseguimos que o pasado 2 de xaneiro entraran en vigor dúas novas normas polas que se regula a relación laboral especial do emprego doméstico e, polas que as traballadoras de fogar se integran no Réxime Xeral da Seguridade Social". Mais lembra que para que eses novos dereitos sexan reais cómpre implicación e compromiso da administración.

Inxustiza

"No sector do emprego doméstico, por desgraza, temos experiencia en aturar condicións de precarización, e case de escravitude". Nesta liña, denuncian que " no emprego doméstico "que coñecemos hoxe en día, con xornadas de 14 e 16 horas diarias para as internas, ausencia de descanso, salarios por debaixo do mínimo, traballadoras sen papeis... prové de servizos a baixo custo a unha sociedade organizada de costas ás necesidades de coidado, en especial das persoas que non se valen por si mesmas, recaendo toda a responsabilidade dos coidados sobre as mulleres e as traballadoras de fogar".

Xiara afirma que o seu obxectivo é a equiparación ao 100% cos dereitos das e dos traballadores suxeitos ao Réxime Xeral da Seguridade Social. "Opómonos enerxicamante a calquer tipo de medida , recorte ou reforma que supoña unas condicións laborais que retrocedan na equiparación de dereitos".

Comentarios