A Galiza conta con 4.127 empresas menos que nos inicios da crise económica

A redución de empresas inscritas na Seguridade Social constata a situación da economía dun país. No caso galego, desde o Consello Económico e Social da Galiza, alertan dunha "ralentización" nos últimos anos.
O vello local de Almacenes Olmedo, en Santiago. (Foto: Arxina)
photo_camera O vello local de Almacenes Olmedo, en Santiago. (Foto: Arxina)

A caída do número de empresas inscritas na Seguridade Social na Galiza é un síntoma de ralentización da economía do país. É a conclusión que apunta a última Memoria sobre a situación económica e social publicada polo Consello Económico e Social (CES) e que analiza os datos até finais de 2022. Así, a 31 de decembro dese ano, a Galiza contaba con 80.588 empresas inscritas, o que supuxo unha caída de 1% en relación ao ano anterior (778 empresas menos). Tendo en conta que no conxunto do Estado español esta caída foi de 0,2%, continúa o descenso do peso relativo das empresas galegas no total estatal, que no último ano se sitúa en 6,06%. 

O estudo, ademais, sinala que en 2009, ano en que accedeu ao Goberno galego o PP con Alberto Núñez Feixoo, había no país 84.715 empresas, polo que desde entón e até 2022 o número de sociedades caeu en 4.127. Atendendo á súa evolución ao longo dos últimos anos, reflicte a tendencia descendente do peso relativo das empresas galegas no total estatal, pasando de 6,70% do ano 2009 até 6,06% do último exercicio que figura neste informe.

Desde un punto de vista sectorial, 74% das empresas inscritas na Seguridade Social na Galiza pertencen ao sector servizos (59.644), seguido da construción, que acolle 10,4% das empresas (8.405), a industria, con 8,6% (6.954) e o sector primario, con 6,9% (5.585). Comparado coa estrutura sectorial no conxunto do Estado español, a Galiza presenta un menor peso relativo no sector primario (8% no Estado), sendo de 73,8% o peso do sector servizos no conxunto do Estado español, de 10,2% no caso da construción, e de 7,9% no do conxunto das ramas industriais.

Economía desartellada

Analizando este mesmo período, o economista Joám J. Romero dá a Nós Diario algunhas chaves para entender a redución do número de empresas no país. “Hai que ter en conta as consecuencias das últimas crises, desde a de 2008 até a actual, pasando pola situación que pasamos coa Covid-19 e a inflación”, asegura, “sobre todo cunha afectación maior nas microempresas, autónomos e Pemes (Pequenas e medianas empresas)”, engade.

Ademais, outro factor que considera importante foi “o declive do investimento público, da Xunta da Galiza sobre todo, e privado”. Paralelamente lembra que hai “moito aforro galego que, a través do sistema bancario, marcha cara a fóra” ao que lle suma “o abandono do país dalgunhas grandes empresas que deciden marchar a Madrid”.

Neste sentido, o economista indica que nos últimos anos se camiña cara a un modelo de industria “espoliadora e non transformadora dos recursos que temos, por exemplo, no sector primario” e no que pesa cada vez máis o sector enerxético. “As eléctricas e as mineiras non crean emprego abondo nin estabelecen sinerxías con outros sectores”, asegura Romero.

Alén destas razóns, o economista observa que nos diferentes estudos presentados nos últimos meses, incluídos os do CES, aparece “unha baixada da demanda interna, ou sexa, do consumo público e privado que non tira da economía galega”. As razóns para que se dea esta situación son múltiples. Romero apunta algunhas, como contar agora cunha economía produtiva “desartellada” onde hai unha “falta de articulación intersectorial” e “non se completan ciclos produtivos”.

Pon como exemplo Ence, que "ademais de ser unha industria contaminante, as fases de maior valor engadido realízanse fóra". Por último, Romero concreta que este panorama procede dunha "economía dirixida desde intereses que na súa maioría son foráneos" ao que se lle engade "que non hai un verdadeiro plan de impulso por parte do actual Goberno galego".

Redución de autónomas

No apartado do persoal autónomo, a memoria do CES indica que no ano 2022 o número de traballadoras e de traballadores afiliados por conta propia na Seguridade Social na Galiza descendía para situarse nas 216.402 persoas (207.557 no réxime especial de autónomos), dos que 131.680 persoas son “autónomos propiamente ditos”, é dicir, non están integrados en sociedades mercantís, cooperativas ou outras entidades societarias, tampouco son colaboradores familiares nin están rexistrados como parte dalgún colectivo especial de persoas traballadoras. Este colectivo de persoas físicas presenta un 6,5% do total Estatal, unha décima menos que no ano anterior, perda de peso consecuencia do descenso no número de autónomas persoas físicas na Galiza en 1,6% fronte a tan só 0,3% de media que baixou no Estado español.

Para o presidente da Asociación de Traballadores Autónomos (ATA) da Galiza, Rafael Granados, a situación é complicada. En declaracións a Nós Diario sinala que desde hai uns anos o maior problema que ten o colectivo é o seu avellentamento. Esta situación, na súa opinión, explica a redución de autónomas e autónomos. “Aumentou o número en maiores de 65 anos en 125% e, pola contra, redúcese o de menores de 45 anos en 45%”, asegura, “hai, polo tanto, un problema de relevo xeracional”, engade.

A memoria do CES, ademais, indica que en relación á chamada situación profesional destas traballadoras e traballadores autónomos, o descenso do número destes profesionais sen asalariadas na Galiza (79,6% do total) situouse no último ano en 1,3%, sendo esta caída de 2,5% no caso daqueles que si teñen contan con persoas asalariadas.

Granados pon énfase nun dos sectores máis afectados, o da agricultura, seguido do comercio. Segundo a memoria do CES, de 2021 a 2022, o primeiro sufriu unha baixada de 3,6% e o segundo de -0,9%. “No caso do comercio hai un problema engadido que é o cambio de hábitos de consumo e a despoboamento de áreas concretas onde estaba instalado”, sinala o presidente de ATA. Estas eivas poderían solucionarse "con investimento", mais, en moitos casos, non se realizan "por agardar a que chegue a xubilación". Ante esta situación, como solucións, Granados demanda "facilidades" e lembra que "as axudas están ben, mais necesitamos financiamento propio", ademais de mudar a mentalidade "e pensar que hai un proceso de aprendizaxe en cada fracaso que suceda".


A taxa de creación descende

Na memoria do Consello Económico e Social saliéntase que a relación entre o número de sociedades constituídas por cada 10.000 habitantes pode considerarse un indicador da creación de sociedades mercantís. Neste sentido, a taxa de creación de empresas no ano 2022 descende lixeiramente até as 14,1 sociedades por cada 10.000 habitantes fronte ás 14,5 do ano anterior, situándose este indicador en 20,8 sociedades no conxunto do Estado.

Comentarios