Crise no pequeno comercio galego: o número de locais baleiros superou os 7.000 a finais de 2023

A crise do pequeno comercio fai que locais comerciais de toda a Galiza, desde as grandes cidades até os pequenos municipios, fiquen baleiros, segundo constata un informe da Federación Galega de Empresas Inmobiliarias ao que tivo acceso 'Nós Diario'. Os estabelecementos sen ocupar aumentaron 8,8% na Galiza con respecto a 2022 nunha tendencia que está xeneralizada no territorio.
Baixos comerciais baleiros no casco histórico de Noia (Foto: Bea García).
photo_camera Baixos comerciais baleiros no casco histórico de Noia (Foto: Bea García).

Os locais destinados á actividade comercial que fican baleiros no conxunto da Galiza aumentaron até un total de 7.045 ao fechamento de 2023, o que supón 570 máis que un ano antes (+8,8%), segundo o informe Locais baleiros no circuíto de comercialización en arrendamento ou venda da Federación Galega de Empresas Inmobiliarias (Fegein), ao que tivo acceso Nós Diario, e que asegura que este incremento "é superior aos peores anos da crise económica [no período decorrido entre 2011 e 2013]".

Esta tendencia é común, segundo sinala o documento, tanto nas principais urbes como nos municipios pequenos e medianos. Nas sete principais cidades da Galiza, as cifras de locais comerciais que ficaban baleiros no mes de xaneiro deste ano foron: en Ourense 1.525 (+8,9%), en Vigo 1.170 (+6,4%), na Coruña 925 (+12,8%), en Compostela 400 (+2,6%), en Pontevedra 275 (+12,7%), en Ferrol 270 (+3,9%) e no caso de Lugo 250 (+11,1%).

Vigo e A Coruña foron as cidades nas que menos diminuíu o prezo

Neste contexto, os locais comerciais en aluguer no país aumentaron 35% na última década. A respecto da análise de custos, Fegein sostén que "estabilízanse os prezos de arrendamento ou diminúen levemente en todas as áreas e cidades". Así, Vigo e A Coruña foron as dúas urbes galegas onde menos descendeu o prezo do aluguer en dez anos. Ademais, "a tendencia de aumento de baixos e locais comerciais desocupados para este primeiro cuadrimestre na Galiza é a alza", engade o informe.

As grandes firmas están a desprazar o comercio "de toda a vida" do centro das urbes

Por outra parte, a organización considera "significativo" o feito de que as rúas máis céntricas das grandes urbes estean "practicamente tomadas polas grandes marcas e franquías" ao tempo que "o comercio local de toda a vida queda desprazado ás rúas semicéntricas ou á periferia, ao seren inasumíbeis os prezos dos arrendamentos dos locais comerciais nos núcleos céntricos das principais cidades".

No caso dos municipios de tamaño medio, os máis afectados por esta problemática son: Sarria (comarca homónima); Burela, Viveiro, Foz e Ribadeo (A Mariña); O Barco (Valdeorras); O Carballiño (comarca homónima); Verín (comarca homónima); San Cibrao das Viñas (Ourense); Xinzo (A Limia), Marín e Cangas (O Morrazo); O Porriño e Mos (Vigo); Lalín e Silleda (Deza); Cambados (O Salnés); Arteixo, Oleiros e Culleredo (A Coruña); Betanzos (As Mariñas); Ribeira (O Barbanza); Muros (comarca homónima); Ames (Compostela), Carballo (Bergantiños) e Narón (Ferrol).

Segundo conclúe o informe, a crise pola que pasa o pequeno comercio propiciou que "a demanda de locais ou baixos comerciais en 260 dos 313 concellos da Galiza sexa testemuñal", e que "nos de menos de 2.000 habitantes sexa case nula". Neste sentido, existe "unha concentración da demanda nas áreas de influencia das sete principais cidades da Galiza, sendo moito máis reducida ou marxinal no resto de concellos galegos".

Galiza de dúas velocidades

"Constatamos unha Galiza de dúas velocidades. Unhas áreas que avanzan e aglutinan 80% da oferta e da demanda e que practicamente se desenvolven en 40 concellos dos 313 concellos actuais", subliña o documento. "É un feito anacrónico a ter moi en conta e que evidencia o despoboamento e o envellecemento dos municipios de menos de 3.000 habitantes e a súa falta de poder de atracción de novas actividades económicas e de fixación de poboación", destaca.

En definitiva, conclúe o documento, existe "unha Galiza urbana que se desenvolve dunha maneira normalizada en Vigo, A Coruña e Compostela; unha segunda liña nas áreas de influencia de Ferrol, Lugo e Pontevedra, unha cidade e unha área de Ourense estancada e en declive, e decenas de municipios de interior que quedan cun mínimo básico de actividades económicas e unha demanda de locais practicamente inexistente a pesar de reducir os seus prezos".

O presidente de Fegein, Benito Iglesias, engadiu que "a restruturación do sector financeiro provocou que centos de locais nos últimos anos quedasen baleiros no centro das cidades e dos municipios máis poboados". 

Benito Iglesias, presidente de Fegein: "A situación económica e a alza de custos enerxéticos agrava os fechamentos no sector do pequeno comercio"

"A maiores, a actual situación económica e a alza de custos enerxéticos, sumadas a un auxe sen precedentes do circuíto de comercialización en liña, agrava os fechamentos no sector do comercio polo miúdo", sinalou.

Pola súa parte, a xerente da asociación de empresas Noia Histórica, Belén Arróniz, en conversa con Nós Diario, afirma que "os datos son moi preocupantes". "A compra en liña é un dos factores determinantes, mudaron os hábitos de compra e cada vez realízase máis a través dun dispositivo a calquera hora do día en plataformas xigantes con grandes descontos", di.

Belén Arróniz, xerente de Noia Histórica: "As Administracións deben actuar fiscalmente para conseguir que os locais volvan ao mercando"

"As Administracións públicas deben actuar, non só incentivando as compras, senón tamén incentivando fiscalmente que os locais comerciais volvan ao mercado", explica a xerente. "Hai que dinamizar os espazos comerciais", conclúe Arróniz.

Comentarios