A expatriación do aforro galego alcanza máximos históricos e supera en 2023 os 33.500 millóns de euros

As entidades bancarias con actividade na Galiza expatriaron un total de 33.335 millóns de euros de en 2023. As cifras que vén de publicar o Boletín Estatístico do Banco de España sinalan que a drenaxe do aforro galego marcou máximos históricos no pasado exercicio. A contía supera en 2.507 millóns de euros a cantidade de 2022.

Aforro
photo_camera O aforro expatriado pola banca situouse en máimos históricos en 2023. (Imaxe: Nós Diario)

O aforro galego succionado pola operativa do sistema financeiro asentado na Galiza representa unha cifra de relevancia para o país. A cantidade expatriada en 2023 supera en 20.010 millóns de euros o orzamento da Xunta da Galiza de 2024. Ademais, excede en 23.535 millóns de euros todo o investimento social da Xunta da Galiza neste exercicio, incluíndo o gasto sanitario, educativo e en servizos sociais. Na mesma orientación, a contía do aforro expatriado equivale ao 47,7% do total do Produto Interior Bruto (PIB) galego do ano 2023, situado en 69.830 millóns de euros.

Os depósitos custodiados polos operadores financeiros con presenza no país alcanzaron ao fechamento de 2023 unha contía de 80.000 millóns. Neste caso, 75.733 millóns corresponden con aforros de persoas físicas e xurídicas e 4.267 millóns con diñeiro das diferentes administracións custodiado polas entidades de crédito. Os depósitos galegos representaron o 5,2% do total estatal, unha contía descoñecida até o de agora na serie histórica.

O crédito

O crédito fornecido na Galiza polas entidades financeiras durante o ano 2023 ficou en 46.655 millóns, destinándose 6.299 millóns a financiar a débeda do sector público e 40.357 a facer fronte a peticións de empresas e particulares. Neste sentido, representa o 3,8% do total estatal e sitúase 2,80 puntos por baixo da media, ficando moi lonxe de Madrid, que lidera esta variábel, concentrando o 29,3% da totalidade do diñeiro prestado pola banca, malia representar o 14% da poboación do Estado e o 25% dos aforros.

A drenaxe do aforro galego mediante a operativa financeira situouse en 30.828 millóns no ano 2022. Nesa anualidade, o aforro custodiado polas entidades bancarias con presenza no país alcanzou unha cantidade de 78.166 millóns, mentres que o crédito fornecido polos mesmos operadores ficou en 47.338 millóns. Entre 2022 e 2023 o aforro expatriado medrou en 2.507 millóns.

O factor Abanca

O profesor de Historia e Institucións Económicas da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Adrián Dios explica a Nós Diario que “o proceso de expatriación do aforro galego tense agravado desde a venda das caixas galegas ao grupo venezolano Banesco”.

Nesta liña, indica que “o descenso do peso do crédito sobre os depósitos na Galiza responde a que o sector bancario ten raíces e funciona en base á cuestión territorial e desde que Abanca se fixo co sistema financeiro galego mudaron os criterios de investimento porque as prioridades do grupo pasaron a ser outras”.

Adrián Dios entende que “a drenaxe do aforro é letal para calquera economía, porque deixa sen financiamento novos proxectos empresariais a pór en marcha e limita as capacidades de financiamento das empresas con actividade”.

Comentarios