O Consello Económico alerta sobre a dependencia enerxética da Galiza e pide "coordinación" ás administracións

O país importa "até 75%" dos recursos enerxéticos, segundo o informe 'O sector enerxético galego: presente e futuro', elaborado polo CES e a UDC.
Parque eólico Monte Seixo e Serra do Cando explotado por Gamesa. (Foto: M.O.)
photo_camera Parque eólico Monte Seixo. (Foto: M.O.)

O Consello Económico e Social (CES) considera un "serio problema" a dependencia enerxética da Galiza, que importa até "75%" dos recursos, e subliña a necesidade de facer unha programación coordinada entre as diferentes administracións que ostentan competencias nesta materia para "potenciar as enerxías renovábeis e a eficiencia enerxética".

Estas son algunhas das conclusións que recolle o informe O sector enerxético galego: presente e futuro, que analiza aspectos como as infraestruturas enerxéticas galegas, a demanda e os mercados, a evolución dos prezos, a política enerxética ou as perspectivas de futuro do sector.

Este documento foi elaborado a través dun convenio de colaboración entre o CES e a Universidade da Coruña (UDC) e presentado na mañá desta segunda feira no Reitorado, con presenza do presidente do citado consello, Agustín Hernández; o reitor da UDC, Julio Abalde, e o coordinador do estudo, o profesor da UDC Fernando del Llano Paz. Na súa intervención, Agustín Hernández fixo fincapé en que "a humanidade debe de avanzar na procura dun desenvolvemento de novas fontes de enerxía, debe tentar alcanzar unha maior eficiencia enerxética e profundar na descolonización da economía".

Ao mesmo tempo, sinalou a importancia de "buscar un equilibrio entre asumir un impacto dunha determinada instalación e alcanzar o desenvolvemento dunha forma de enerxía máis eficaz, máis eficiente e de futuro". "Aínda que pensemos que Galiza ten moita dispoñibilidade de enerxía, cobre unicamente 25% da súa enerxía primaria con recursos propios", puntualizou.

Porén, destacou que na produción concreta de enerxía eléctrica no país "o peso da enerxía renovábel nos últimos cinco anos estivo entre 65 e 70%". Neste sentido, Del Llano indicou que as emisións galegas "minoraron perto de 36% nos últimos cinco anos".

"Europa anima ao diálogo entre diferentes axentes para chegar a un consenso de compatibilidade de actividades", sinalou, para conseguir unha planificación "que potencie as enerxías renovábeis e eficiencia enerxética". O coordinador incidiu, ademais, en que o estudo detectou á Galiza como a "primeira comunidade con densidade de potencia eólica instalada por quilómetro cadrado".

O reitor, pola súa parte, insistiu en que este informe é "imprescindíbel" para que as autoridades tomen as decisións "axeitadas" para organizar o sector enerxético que "neste momento" está a desenvolver "cambios moi radicais". "De como organicemos este sector vai depender o noso futuro como sociedade", apostilou.

Comentarios