Análise

A realidade enerxética galega (I): A gran dependencia enerxética

Adrián Dios, profesor de Historia Económica na Universidade de Santiago de Compostela, prosegue o ciclo de análises de 'Nós Diario'.
Estrutura da enerxía primaria en Galiza (2000 – 2020). Cifras en ktep (toneladas equivalentes de petróleo). (Infografía: Nós Diario)
photo_camera Estrutura da enerxía primaria en Galiza (2000 – 2020). Cifras en ktep (toneladas equivalentes de petróleo). (Infografía: Nós Diario)

Hai apenas unhas semanas publicaba o INEGA o seu último Balance Enerxético de Galiza, correspondente ao ano 2020, un documento fundamental para poder interpretar a nosa realidade enerxética, xa que nos permite coñecer de onde importamos a enerxía, como a transformamos, que usos lle damos e a onde a exportamos.

Este documento gaña importancia por darnos datos do primeiro ano de pandemia, ao mesmo tempo que se producían cambios de relevancia na estrutura da nosa produción, especialmente o peche das centrais térmicas de carbón e un novo aumento da potencia eólica instalada. Así, aproveitaremos esta serie de artigos para sinalar algunhas cuestións de interese sobre a nosa realidade enerxética:

En primeiro lugar, unha cuestión que pode resultar chamativa pero é chave para entender a nosa posición no mundo en termos enerxéticos: Galiza é un país profundamente importador de enerxía. En promedio, precisamos importar máis do 79% da enerxía cada ano. Parece que esta idea rompe un pouco a visión tradicional sobre o tema. Como é isto posible? Porque aínda sendo moi exportadores de electricidade (e xa veremos que tamén doutros produtos enerxéticos), iso non implica que non teñamos que importar enerxía. Polo tanto, a nosa dependencia do exterior é moi elevada.

96,8% das nosas importacións foron combustibles fósiles nas últimas dúas décadas

E que é o que temos que importar? Fundamentalmente petróleo, carbón e gas natural; é dicir, combustibles fósiles. Hai que ter en conta que Galiza conta cunha importante rede de infraestruturas enerxéticas críticas, que son precisas para que o sistema enerxético estatal funcione. Encoros e centrais hidroeléctricas, dúas centrais de carbón que no seu momento tamén tiveron minas (As Pontes e Meirama), unha regasificadora (Mugardos), unha refinería (A Coruña), unha central que utilizaba petróleo e na actualidade emprega gas natural (Sabón) e unha importante rede de parques eólicos son as máis importantes destas instalacións. Estas infraestruturas non están dimensionadas para subministrar soamente o mercado galego, senón que están orientadas para abastecer as necesidades do conxunto do Estado.

Así, nas últimas dúas décadas o 96,8% (!!) das nosas importacións foron combustibles fósiles, con algunhas modificacións nos últimos tempos: o carbón pasou de representar dende un máximo do 26% no ano 2012 até un escaso 4,5% no 2020 polo peche das térmicas, o gas natural pasou dun residual 2,2% do ano 2000 ao 26% do 2020 pola apertura do ciclo combinado de Sabón (que emprega gas natural para producir electricidade) e a regasificadora de Mugardos, a partir do 2007. O petróleo ten unha evolución máis lineal, representando en promedio un 66% das importacións totais.

É importante subliñar a cuestión do petróleo porque non simplemente importamos gasolina e gasóleo para empregar no transporte, senón que tamén importamos crú de petróleo, é dicir, aquel directamente extraído do medio e que precisa ser procesado para despois empregarse como combustible. De feito, nas últimas dúas décadas máis do 72% das importacións de produtos petrolíferos foron de crú, non de combustibles. É dicir, a refinería da Coruña xoga un papel fundamental para entender a nosa dependencia do exterior ao importar enormes cantidades de crú que en boa medida serán posteriormente exportadas.

Biomasa, auga e vento

En segundo lugar, un elemento claramente ligado á pandemia: a enerxía primaria en Galiza caeu no 2020 un 13,5% en relación ao ano 2019, unha cifra absolutamente espectacular e sen precedentes, moi superior á vivida coa crise do 2008. Como era de agardar, o efecto da pandemia trouxo consigo, sobre todo, un descenso das necesidades de produtos petrolíferos, que descenderon de xeito substancial, tanto nos combustibles como no crú de petróleo. Curiosamente, a pandemia provocou que o ano 2020 fora o de menor dependencia enerxética de toda a serie histórica.

Vivimos unha situación de dependencia enerxética causada pola importación de combustibles fósiles

En terceiro lugar, que é o que temos en Galiza? Fundamentalmente biomasa, auga e vento para a produción de electricidade. Estas tres formas de enerxía reparten case a partes iguais a súa importancia, despois da desaparición do carbón autóctono no ano 2008, sen grandes variacións na última década. De todos modos, con todo o aumento de utilización do vento, Galiza aínda non foi quen de superar o máximo de enerxía propia obtido no ano 2003, coas centrais de carbón funcionando a pleno rendemento.

En conclusión, vivimos claramente unha situación de dependencia enerxética causada pola importación de combustibles fósiles, que ten que ser, dalgún xeito, atenuada polos riscos que implica. Tendo en conta a importancia do transporte como gran consumidor de produtos petrolíferos, parece evidente que é preciso aplicar políticas en dúas direccións: por unha banda, a transformación do modelo de mobilidade para descender o consumo de gasolina e gasóleo, baseado no transporte colectivo e, pola outra, a transformación tecnolóxica que permita substituír o consumo de combustibles por outro tipo de fontes enerxéticas, especialmente a electricidade.

Comentarios