Denuncian a "discriminación" a Galiza no reparto das axudas a granxas leiteiras que non cubran custos

Organizacións agrarias afirma que esas axudas de 300 euros por vaca irán a explotacións que percebiron menos de 24,5 céntimos por litro de leite mentres que en Andalucía o limiar ponse nos 31 céntimos.

Cadea de envasado do leite
photo_camera Cadea de envasado do leite

Varias organizacións agrarias, desde o Sindicato Labrego Galego  e a Fruga, pasando pola propia Plataforma en defensa do sector kácteo galego considera que o modelo que elixe o Ministerio de Agricultura para repartir as axudas de 300 euros por vaca a aquelas explotacións que non cubran custos é “tremendamente discriminatorio” para Galiza. Unha denuncia que, destaca o SLG, fica clara cando con ese sistema de reparto as axudas irán a aquelas granxas galegas que recibiron menos de 24,5 céntimos por litro de leite fronte aos 31 céntimos nos que se pon o limiar para cobrar as axudas en Andalucía.

O sindicato informa que esas achegas económicas de 300 euros por vaca distribúense en base a uns estudos de rendabilidade que posúe o Ministerio e que establecen tres granxas tipo: unha en galiza, outra en Castela-A Mancha e outra en Andalucía. Mais, salienta o SLG, no noso país hai explotacións que se corresponden a ese 'prototipo para Galiza' do Ministerio, mais hainas que non, senón que corresponden a outros modelos. E aí se dá a discriminación. Esta organización considera “curioso” que un problema, o do leite, que o Ministerio limitaba a Galiza agora serva para que outros territorios accedan a axudas. “Só existía en Galiza [o problema dos baixos prezos], mais resulta que cando hai que cobrar polo problema do leite, tamén cobran outros. Non entendemos esta historia”.

"As peores expectativas"

O coordinador da Federación Rural Galega (FRUGA) e membro da Plataforma, Manuel Dacal, sinalou que as axudas dos 300 euros “confirman as peores expectativas e un trato discriminatorio terríbel cos gandeiros e gandeiras de Galiza con respecto a outras zonas. Aquí se vai ter como referencia as explotaciones que cobraron 24 céntimos por litro de leite, en cambio en Andalucía o prezo referencial vai ser de 31”. Así pois, no sur serán máis os produtores que poderán acceder a esta axuda en detrimento dos de Galiza.

Dacal lamenta que “resulta curioso que fosen os gandeiros galegos os queencabezaran as protestas, as mobilizacións e os que exerceron máis presión para poñer en coñecemento da opinión pública e das administracións a existencia dun problema grave no sector lácteo, que se negaba desde o Ministerio e a Xunta e que, ao final, os que se van beneficiar desta presión van  ser outras zonas”. 

Comentarios