A demanda de préstamos das empresas da zona euro descende até o mínimo histórico

Bruxelas intenta pór remedio á falta de investimentos no sector industrial.
O ministro español de Industria, Comercio e Turismo, Héctor Gómez, e o comisario de Xustiza da UE, Didier Reynders, esta terza feira en Bilbo (Foto: H. Bilbao / Europa Press).
photo_camera O ministro español de Industria, Comercio e Turismo, Héctor Gómez, e o comisario de Xustiza da UE, Didier Reynders, esta terza feira en Bilbo (Foto: H. Bilbao / Europa Press).

A demanda de préstamos e liñas de crédito por parte das empresas da zona euro derrubouse no segundo trimestre até un novo mínimo histórico como consecuencia da suba dos tipos de xuro e da caída do investimento, segundo recolle a enquisa de préstamos bancarios elaborada polo Banco Central Europeo (BCE), que anticipa unha nova caída no terceiro trimestre, aínda que de menor intensidade.

Entre abril e xuño, a demanda neta de préstamos das empresas reduciuse considerabelmente, cunha porcentaxe neta de -42%, fronte á taxa de -38% do trimestre anterior, o que implica un mínimo histórico desde o inicio da enquisa do BCE en 2003.

A diminución neta da demanda de préstamos foi a máis forte da serie histórica para as pequenas e medianas empresas (pemes), mentres que para as grandes empresas mantívose lixeiramente máis limitada que durante a crise financeira global de 2008. A diminución neta da demanda tamén foi a máis forte na historia da serie para os préstamos a longo prazo, mentres que no caso do financiamento a curto prazo baixou en menor medida.

Esta situación tamén afecta de maneira especial á Galiza, pois o estudo do BCE constata que a caída da demanda de préstamos a empresas alcanzou niveis considerábeis nas catro maiores economías da zona euro, entre as que se atopa a do Estado español (así como as economías de Alemaña, Francia e Italia).

A raíz deste contexto, unha das principais preocupacións no seo da Unión Europea (UE)é conseguir atallar a perda de investimento. Desta forma, os ministros da UE de Industria e Mercado Interior, reuníronse esta terza feira en Bilbo (Euskal Herria), onde expuxeron medidas para reducir riscos e favorecer financiamento, co obxectivo de que os investidores "non fuxan da UE".

Ademais, analizaron máis de 5.000 produtos críticos para fomentar a autonomía estratéxica da UE e reducir dependencias ante terceiros Estados. "Analizamos máis de 5.000 produtos críticos, desde materias primas ao hidróxeno, baterías, semicondutores, tecnoloxías na nube, cibertecnoloxías, produtos farmacéuticos, é dicir, unha ampla gama de produtos. Esta análise ofrécenos un input básico para ver onde temos que construír cadeas de valor resilientes cada vez menos dependentes e estratéxicas para eses produtos", sinalou desde Bilbo o comisario de Xustiza da UE, Didier Reynders.

Así mesmo, avogou por "seguir protexendo á industria da UE das distorsións do mercado", e para iso adoptáronse medidas "que reforzan a nosa caixa de ferramentas, un exercicio de sondaxe dos subsidios e do investimento estranxeiro directo".

O comisario anunciou a intención de Bruxelas de crear unha plataforma estratéxica para as compañías "que debería facilitar a canalización de financiamento a aquelas empresas que producen tecnoloxías estratéxicas".

Precisamente nesta reunión, os Estados da UE deron luz verde definitivamente á Lei de Chips coa que pretenden mobilizar 43.000 millóns de euros en investimentos co obxectivo de dobrar o peso comunitario na produción mundial de semicondutores e lograr ocupar 20% do mercado global no horizonte de 2030 e romper coa dependencia doutros Estados neste ámbito.

Luz verde á obriga de instalar puntos de recarga nas estradas

A UE pretende converterse en líder global da fabricación de semicondutores coa nova Lei de Chips. A dependencia desta tecnoloxía supón un problema crucial para a industria galega, como exemplifica o sector automobilístico de Vigo.

Non obstante, non foi a única medida aprobada esta terza feira polos Estados da UE, que tamén deron o seu visto e prace a un acordo que obrigará a que haxa polo menos un punto de recarga para vehículos eléctricos cada 60 quilómetros na rede básica de estradas da UE e cada 100 quilómetros no resto de vías da rede integral transeuropea (RTE-T), nun apartado como a electromobilidade no que a Galiza se atopa á cola da UE.

Ademais, os Estados da UE tamén adoptaron unha nova normativa destinada a aumentar a demanda e o uso coherente de combustíbeis renovábeis no sector do transporte marítimo.
 

Comentarios