Xosé S. Bugallo (PSOE)

"Como non espilamos podemos perder industrias e posición dos nosos portos"

Xosé Sánchez Bugallo é o candidato número 1 do PSdeG ao Senado pola Coruña
Xosé Sánchez Bugallo (Foto: Nós Diario).
photo_camera Xosé Sánchez Bugallo (Foto: Nós Diario).

—Hai un mes que perdeu a Alcaldía de Compostela. Como afronta a candidatura ao Senado logo dos resultados das municipais?
Foi algo inesperado, non tiña previsión de presentarme a outro cargo, nin tiña a máis mínima idea de que se ían convocar inmediatamente elección xerais, pero valóroo como unha oportunidade. Son unha persoa cunha fonda vocación política desde que teño 14 anos. É a oportunidade de facer cousas diferentes, sempre estiven vinculado á política e á Administración local.

—A mesma noite electoral do 28-M anunciou a súa retirada, que o fixo mudar de opinión?
Tomei a decisión unha semana despois. O día 28 anunciei a miña renuncia, a segunda feira ás 7 da mañá comuniquei a renuncia coma secretario xeral do PSdeG de Santiago e concelleiro. Uns días despois se me abriu esa posibilidade, nunca me formulara a miña vida política fóra da Administración local, pero é unha oportunidade que non debía rexeitar. Pola miña idade non creo que vaia ter moitas oportunidades máis. 

—Estas eleccións xerais non son sinxelas para o PSOE, cal debe ser a mensaxe que faga a Sánchez remontar nas enquisas que dan gañador o PP?
Creo que son unhas das eleccións máis complexas do período democrático. Hai unha década era impensábel que a extrema dereita formase parte do Goberno do Estado e hoxe é unha posibilidade real. Isto pon en perigo moitas cousas. O PP é unha ameaza directa por exemplo nas pensións.

Na Galiza somos 770.000 pensionistas, case 30% da poboación e 40% do electorado. Paréceme incríbel que isto pase desapercibido. O PP non só votou en contra da reforma das pensións senón que anunciou que o vai revisar.
E Vox é unha ameaza directa contra moitísimos avances sociais e civís que se produciron. A discusión sobre a violencia de xénero é surrealista.

—Se sae elixido senador, que levará como primeiras iniciativas para que a Galiza estea presente no Senado?
Vou defender os intereses da Galiza, e unha das grandes preocupacións son as infraestruturas de comunicación, especialmente o ferrocarril. O transporte de mercadorías é fundamental. Somos aliados do Norte de Portugal pero como non espilamos podemos perder industrias e posición dos nosos portos. 

A Coruña, Vigo e Ferrol non van er competitivos con Leixões sen conexión clara co ferrocarril. Tamén a conexión sur de Vigo con Madrid e Lisboa. O estratéxico é que os portos exteriores de Ferrol e A Coruña e o porto de Vigo teñan saída directa á Meseta e ao centro de Europa.

Máis en POLÍTICA
Comentarios