mércores 08.04.2020

A demanda de cervexa dispárase nos comercios, mais o sector segue a sufrir

A patronal cervexeira sinala que só 20% da facturación corresponde aos supermercados e non desbota o ERTE na industria.
Fábrica de Estrella Galicia (Hijos de Rivera)
Fábrica de Estrella Galicia (Hijos de Rivera)

A cesta da compra experimentou nos últimos días unha espectacular mudanza após o coñecido como `'Efecto Búnquer' de acaparamento de provisións. Desta vez, a protagonista é a cervexa, que segundo a análise semanal da empresa Gelt aumentou 78% as súas vendas, namentres o aceite (-58%) as pastas (-33%) e o papel hixiénico (-10%) ven reducida a súa demanda.

O cofundador de Gelt, Carlos Prieto, sinala que "a provisión non ten sentido co abastecemento garantido", polo que considera que a cidadanía irá "normalizando" o seu consumo para xestionalo "de forma máis racional". 

Pero lonxe de celebrar este aumento das vendas, o sector cervexeiro está preocupado polos efectos que a crise pode ter nas súas contas. A asociación que aglutina a práctica totalidade da produción a nivel do Estado español, na que se integra o grupo Hijos de Rivera (Estrella Galicia), lembra que 8 de cada 10 euros que factura veñen da canle de hostalaría  e restauración, agora fechada como consecuencia do estado de alarma.

Posíbeis ERTE

Neste senso, o director xeral da patronal Cerveceros de España, Jacobo Olalla, afirma que as vendas nos supermercados nunca poderán compensar a caída en bares e restaurantes, e lembra que na última crise as vendas de cervexa nestes negocios caeron 20% e entón si foron compensadas polas dos supermercados. 

Por outra banda, advirte de que a actual situación pode levar moitas firmas a presentar Expedientes de Regulación Temporal de Emprego (ERTE), mais que ao tratarse dun sector chave, como o da alimentación, non poderán ser "por forza maior", e de aí que as empresas poidan verse abocadas a tomar medidas máis "drásticas". 

comentarios