A débeda pública da Galiza en máximos históricos: 12.000 millóns, 3 veces máis que cando Feixoo chegou á Xunta

Rexistra 333 millóns máis de endebedamento no segundo trimestre fronte ao anterior, aínda que baixa ao 20,1% a ratio respecto ao PIB.
Alberto Núñez Feixoo. (Foto: David Cabezón / Xunta da Galiza).
photo_camera Alberto Núñez Feixoo. (Foto: David Cabezón / Xunta da Galiza).

A débeda pública de Galiza sobe a 12.071 millóns de euros no segundo trimestre de 2021, o que supón a maior cifra na serie histórica, segundo os datos que publica esta quinta feira o Banco de España.

É a primeira vez que o endebedamento galego supera os 12.000 millóns, nun segundo trimestre do ano cun aumento de 100 millóns respecto ao mesmo período de 2020, así como 333 millóns de euros máis se se compara co primeiros tres meses de 2021. Con todo, o cociente de débeda/PIB de Galiza sitúase no 20,1% no segundo trimestre, tres décimas menos (20,4%) respecto dos primeiros tres meses.

Até a data, o maior endebedamento público de Galiza produciuse no segundo trimestre de 2020 (con 11.971 millóns de euros). Os actuais 12.071 millóns supoñen a sétima maior cifra global entre territorios do Estado.

Pola súa banda, a débeda das empresas públicas non incluídas no sector administracións públicas elévase a 27 millóns de euros, a cantidade máis elevada nos últimos seis anos.

Pola súa banda, nun comunicado, a Consellaría de Facenda refírese ao endebedamento por habitante para destacar que Galiza é a terceira comunidade con menor cifra neste caso, con 4.476 euros fronte a 6.607 euros de media.

A débeda pública non deixou de medrar na Galiza desde a chegada á presidencia da Xunta de Alberto Núñez Feixoo. Se por volta de 2008 se situaba en 3.954 millóns, representaba 6,80% do Produto Interior Bruto (PIB) e significaba unha carga para cada galega de 1.429 euros; 13 anos máis tarde é de  12.071 millóns de euros.

O aumento do endebedamento foi constante ao longo da última década. Mentres o Goberno bipartito de PSOE e BNG levou adiante unha importante redución da mesma, nun contexto de ampliación do investimento social, pasándose dunha débeda pública de 7,4% de PIB no último ano da etapa de Manuel Fraga a 6,6% en 2007, a tendencia mudou radicalmente no período de Núñez Feixoo.

Comentarios