mércores 26/01/22

Feixoo multiplica por tres a débeda da Galiza en 11 anos

A herdanza económica de Alberto Núñez Feixoo presenta poucas dúbidas. Nos once anos de Goberno, o presidente da Xunta levou adiante unha dura política de recortes dos servizos básicos e a débeda pública galega situouse en 11.426 millóns de euros. Ademais, o déficit orzamentario disparouse a 239 millóns de euros. A aparente recuperación económica non chegou ás contas galegas. Con esta análise ábrese unha serie de publicacións que avalían o papel do presidente á fronte do Goberno galego.
O presidente galego, Alberto Núñez Feixoo (Europa Press)
O presidente galego, Alberto Núñez Feixoo (Europa Press)

A débeda pública non deixou de medrar na Galiza desde a chegada á presidencia da Xunta de Alberto Núñez Feixoo. Se por volta de 2008 se situaba en 3.954 millóns, representaba 6,80% do Produto Interior Bruto (PIB) e significaba unha carga para cada galega de 1.429 euros, 11 anos máis tarde acadou 11.426 millóns, abrangueu 17,8% do PIB e marcou unha contía de 4.213 euros per cápita. Segundo os últimos datos fornecidos polo Banco de España para o terceiro trimestre de 2019, os Executivos de Núñez Feixoo xeraron á Galiza unha débeda de 7.473 millóns de euros.

O aumento do endebedamento foi constante ao longo da última década. Mentres o Goberno bipartito de PSOE e BNG levou adiante unha importante redución da mesma, nun contexto de ampliación do investimento social, pasándose dunha débeda pública de 7,4% de PIB no último ano da etapa de Manuel Fraga a 6,6% en 2007, a tendencia mudou radicalmente no período de Núñez Feixoo. Neste sentido, as subas máis importantes da serie histórica correspondéronse coas anualidades de 2011 e 2017, até marcar o seu máximo absoluto no segundo trimestre de 2019, cun monto total de 18.300 millóns de euros.

As perspectivas do Goberno galego non son precisamente optimistas malia a aparente mellora da situación económica. Segundo as previsións recollidas no Informe económico  financeiro  do  proxecto  de orzamentos de 2020 da Xunta da Galiza, a débeda pública do ano 2018 acadou o importe de 11.342 millóns a finais dese ano e "suponse que a finais de 2019 sexa de 11.400 millóns, e para 2020, a previsión coherente co orzamento que se presenta é que acade 11.522 millóns, que suporá un incremento da mesma de 152 millóns, lixeiramente inferior ao de 2019".

O pago dos xuros da débeda converteuse nun auténtico quebracabezas para o Executivo galego. Se á volta de 2009 a Xunta da Galiza destinaba 355,6 millóns a facer fronte ás súas obrigas financeiras, a con-tía aumentou a 1.222 millóns en 2018, o que representou algo máis de 12% dos orzamentos totais dese ano. Así as cousas, o diñeiro destinado a amortizar os xuros superou ao longo de toda a etapa de Núñez Feixoo a cantidade achegada para financiar os servizos sociais. Por exemplo en 2014, a Xunta da Galiza dedicou ao pago da débeda 1.765 millóns e só 515,3 millóns ao mantemento do conglomerado de benestar.

O problema dos xuros da débeda pública galega viuse agravada pola negativa do presidente galego de acudir nun primeiro momento ao Fondo de Liquidez Autonómico (FLA), unha liña de crédito arbitrada polo Goberno estatal en 2012 para aliviar as dificultades  de  financiamento das nacións e rexións do Esta-do. Malia isto, o principal acredor da Galiza en 2018 xa era o Executivo español, con 6.515 millóns, seguido da banca estatal, con 1.421 millóns e as entidades de crédito internacional, con 901 millóns. As cantidades restan-tes correspóndense coas axudas doutras administracións públicas e coas emisións de bonos.

A oposición de Núñez Feixoo a solicitar axuda ao FLA foi criticada por economistas de diferentes posicións doutrinais. O director da neoliberal Fundación de Estudios de Economía Aplicada (FEDEA), Ángel de la Fuente sinalou, recentemente, que a Galiza, Madrid, A Rioxa e Castela e León "perderon varios puntos de financiamento relativo" por ese motivo. Pola súa banda, o economista crítico coa xestión do PP á fronte da Xunta Xosé Díaz advertiu de que Núñez Feixoo ao facer "un uso mínimo" do FLA puxo "en grave prexuízo os nosos servizos públicos".

Comportamento do déficit público

O comportamento do déficit público, isto é, a variábel que analiza a relación entre ingresos e gastos ao longo dunha anualidade orzamentaria, non foi precisamente mellor. Se atendemos os datos fornecidos polo Executivo estatal para os 11 meses de 2019, o déficit galego chegaba en novembro aos 253 millóns de euros, o que equivale a 0,39% do PIB, unha porcentaxe superior á media das outras administracións autonómicas e da fixada polo Ministerio de Facenda no obxectivo de déficit, que determinou, primeiro, un teito de 0,15% e posteriormente de 0,30%.

A Xunta culpou o Goberno do Estado do déficit nas contas públicas galegas de 2019. Segundo o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, e o presidente galego, o Executivo estatal provocou o furado, ao negarse a liquidar á Galiza 198 millóns en concepto de IVE de 2017 e outros 170 millóns procedentes do suposto cumprimento da regra de gasto, que a Xunta recolleu nos orzamentos de 2019. Se ben o diñeiro retido polo Estado contribuíu aos desaxustes do pasado exercicio, o déficit declarado pola Galiza superou de longo 0,25% marcado polo conxunto das comunidades.

O aumento da débeda e do déficit público non estivo vinculado a políticas económicas expansivas. Viuse acompañado de duros recortes no sistema de benestar. Se os últimos orzamentos que elaborou o Goberno bipartito do PSOE e do BNG en 2009 achegaron aos servizos públicos 7.106 millóns, 66,4% do total do presuposto e 2.567  euros por habitante, a cifra baixa após nove anos a 6.830 millóns, o que significou unha rebaixa total de 266,5 millóns, unha baixa porcentual de 2,6% e unha diminución do gasto por persoa de 36,17 euros.

Os retallos deixáronse notar particularmente en sanidade e educación. Mentres á volta de 2009, o Goberno galego destinaba 2.443 millóns a educación e 3.937 millóns a sanidade, a liquidación orzamentaria provisional de 2018 sinalaba un investimento de 2.262 millóns para a rede educativa e de 3.858 millóns para o sistema sanitario, nun escenario onde o PIB galego en termos correntes é claramente superior ao ano 2009.

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Feixoo multiplica por tres a débeda da Galiza en 11 anos
comentarios