A débeda global dos bancos caeu mentres aumentou a dos fogares

O nivel de débeda mundial baixou por primeira vez desde 2015.
A presidenta do Banco Santander, Ana Botín (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press).
photo_camera A presidenta do Banco Santander, Ana Botín (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press).

A débeda de fogares, empresas, bancos e gobernos de todo o mundo sumaba ao fechamento de 2022 un total de 280 billóns de euros, fronte aos 284 billóns de euros contabilizados ao final do ano anterior, no que supón a primeira caída anual do pasivo mundial desde 2015, segundo os cálculos do Instituto Internacional de Finanzas (IIF).

Esta diminución do endebedamento en 2022 estivo protagonizada de maneira case exclusiva polos Estados con maior riqueza, que reduciron o volume de débeda a 188,3 billóns de euros desde os 193,8 billóns de euros do final de 2021.

Por contra, no conxunto das economías emerxentes o volume de débeda incrementouse en 2022 até os 92,1 billóns de euros desde os 90,1 billóns rexistrados no ano 2021.

"Tras un aumento substancial en 2020 e 2021 durante a pandemia, a débeda mundial reduciuse nuns 4 billóns de euros en 2022. Isto marca a primeira diminución anual desde 2015", destacaron os responsábeis do estudo, sinalando o substancial aumento no custo de endebedamento, en particular para as economías emerxentes.

Aumenta a débeda de fogares e empresas, cae a dos gobernos e os bancos

A nivel global os fogares aumentaron a súa débeda até os 53,4 billóns de euros desde os 53,3 billóns, mentres que as empresas despediron o ano 2022 cun endebedamento de 84 billóns de euros, fronte aos 83,4 de 2021.

Con todo, os gobernos lograron reducir a súa débeda en 2022 até 79 billóns de euros desde os 82 billóns do ano anterior, así como o sector financeiro mundial rebaixou o seu pasivo a 64 billóns desde os 65,5 billóns rexistrados en 2021.

Así mesmo, ao ter en conta a evolución da economía e a inflación, as estimacións do IIF sinalan que a relación entre a débeda e o Produto Interior Bruto (PIB) global diminuíu máis de 12 puntos porcentuais, situándose en 338% do PIB mundial en 2022, o que supón a segunda caída anual consecutiva deste cociente. Non obstante, a ratio total entre a débeda e o PIB das economías emerxentes aumentou en dous puntos porcentuais.

Comentarios