A Xunta da Galiza comeza 2023 cunha débeda total de máis de 12.000 millóns de euros

A falla de coñecer a liquidación definitiva do orzamento de 2022, a débeda pública galega xa supera os 12.000 millóns de euros. A maiores, o Goberno galego ten pendentes de pago outros 2.050 millóns de euros derivados das obras do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e de diversas infraestruturas viarias.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, no centro, coa alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o presidente do PP de Pontevedra, Luís López (Foto: Europa Press).
photo_camera O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, no centro, coa alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o presidente do PP de Pontevedra, Luís López. (Foto: Europa Press)

A Xunta da Galiza prevé unha débeda pública de 12.250 millóns de euros para finais do exercicio de 2023. Segundo se recolle no informe económico-financeiro da Lei de orzamentos de 2023, ao que tivo acceso Nós Diario, “o nivel de débeda pública (calculada segundo o procedemento de déficit excesivo), a finais do ano 2021, como se ten sinalado na parte de débeda, acadou o importe de 11.715,2 millóns de euros e prevese que a finais do ano 2022 sexa de 11.984 millóns, e para 2023 a previsión, coherente co orzamento que se presenta, é de que remate o dito ano nos 12.250 millóns, que suporá un incremento da mesma de 266 millóns”.

O Goberno galego debe 2.050 millóns de euros correspondentes a diversas actuacións financiadas pola modalidade de colaboración público-privada. Precisamente, esta fórmula, moi criticada polas forzas da oposición, responde ao obxectivo de non computar a efectos contábeis como débeda pública diversos investimentos do Goberno galego. Porén, esta opción implica un encarecemento das actuacións, afirmando o economista Antón Beiras que o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo conta con “620 camas e 11 quirófanos menos dos previstos” no proxecto.

As débedas da Xunta da Galiza derivadas da colaboración público-privada correspóndense co Hospital Álvaro Cunqueiro, a autovía da Costa da Morte, a autoestrada AG-56 entre Compostela e Brión, a vía de alta capacidade de unión entre a autoestrada A-52 e a fronteira portuguesa e as vías rápidas do Salnés e do Barbanza. Así, por exemplo, os compromisos de pago do Goberno galego coa concesionaria do Álvaro Cunqueiro alónganse até o ano 2035, ficando por pagar 841 millóns de euros.

O endebedamento da administración galega coas construtoras adxudicatarias das diferentes vías de comunicación sinaladas é de 1.208 millóns de euros: 231 millóns correspóndense coas obras da AG-56, 110 millóns coas obras da vía rápida do Salnés, 220 millóns coas obras da vía rápida do Barbanza, 166 millóns coas obras da vía de alta capacidade de unión entre a autoestrada A-52 e a fronteira portuguesa e 478 millóns coas obras autovía da Costa da Morte.

O incremento da débeda foi unha constante desde o retorno do Partido Popular á Xunta da Galiza. Mentres o Goberno bipartito de PSOE e BNG levou adiante unha importante redución da mesma, nun contexto de ampliación do investimento social, pasándose dunha débeda pública de 7,4% do produto interior bruto (PIB) no último ano da etapa de Manuel Fraga a 6,6% en 2007, a tendencia mudou radicalmente desde 2009. 

Récord no terceiro trimestre de 2022

Os incrementos máis importantes da serie histórica correspondéronse coas anualidades de 2011 e 2017. O seu máximo rexistrouse no terceiro trimestre de 2022, con 12.084 millóns.

A débeda continuará medrando no próximo exercicio. O Goberno galego cífraa en 12.250 millóns para finais de 2023, mais especialistas adiantan unha suba maior como consecuencia do erro nas previsións de crecemento fixadas nas contas públicas da vindeira anualidade.

Neste sentido, a Xunta da Galiza marca unha alza do PIB para 2023 de 1,7%, superando en 1,1 puntos as estimacións da Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (Airef) e en 1,2 puntos as do servizo de estudos do BBVA. 
Ao tempo, agárdase polas mesmas razóns un comportamento negativo do déficit público, isto é a variábel que analiza a relación entre ingresos e gastos ao longo dun ano contábel.

Os xuros da débeda

A partida que máis aumenta nos orzamentos de 2023 é a destinada ao pagamento dos xuros provocados pola débeda, incrementándose en máis de 48,8% en relación co anterior exercicio e sumando unha contía total de 110,8 millóns. 

Ao tempo, a Xunta da Galiza debe facer fronte nesta anualidade a pagos de 69,5 millóns de euros, en relación cos compromisos adquiridos coas empresas adxudicatarias das obras efectuadas mediante a fórmula de colaboración público-privada. 

Amortización de débeda

Unha contía importante das partidas orzamentarias executadas polo Goberno galego en 2019 e 2020 dedicouse a amortizar débeda bancaria. Así, en 2019 destináronse a este obxectivo 3.107 millóns e en 2020 3.595 millóns, o que significou 24,6% e 25,7% do orzamento deses anos.

Comentarios