A débeda pública galega chegará a 12.250 millóns de euros na anualidade de 2023

Os Orzamentos da Xunta para o ano 2023 chegaron ao Parlamento. Mentres desde o Partido Popular falan duns “orzamentos históricos”, o BNG e o PSdeG denuncian unha caída do investimento social. A débeda pública galega continúa disparada prevéndose cifras máximas no vindeiro exercicio.
O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, entregando os orzamentos ao presidente do Parlamento, Miguel Santalices. (Foto: Parlamento da GaliZA)
photo_camera O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, entregando os orzamentos ao presidente do Parlamento, Miguel Santalices. (Foto: Parlamento da GaliZA)

A débeda pública galega situarase en 2023 en 12.250 millóns de euros. Segundo se recolle no informe económico financeiro do proxecto de orzamentos de 2023, “o nivel de Débeda Pública (calculada segundo o Procedemento de Déficit Excesivo), a finais do ano 2021, como se ten sinalado na parte de débeda, acadou o importe de 11.715,2 millóns de euros e prevese que a finais do ano 2022 sexa de 11.984 millóns, e para 2023 a previsión, coherente co orzamento que se presenta, é de que remate o dito ano nos 12.250 millóns, que suporá un incremento da mesma de 266 millóns”.

8.030 millóns de débeda

O endebedamento da Xunta da Galiza tense incrementado desde 2009 en 8.030 millóns de euros. Se á volta do primeiro trimestre desa anualidade sumaba 3.954 millóns de euros e equivalía a 6,8% do Produto Interior Bruto (PIB) da Galiza, a finais de 2022 prevese a súa chegada a 11.984 millóns de euros, representando 18,4% do PIB. Asemade, a Xunta ten comprometidos pagamentos até 2040 de 2.050,63 millóns de euros, derivados das obras executadas pola modalidade de colaboración público-privada, entre as que se atopan diversas autovías galegas e o hospital vigués Álvaro Cunqueiro. O Goberno galego debe facer fronte en 2023 a pagos de 110,66 millóns de euros en concepto de xuros de débeda e de 144,36 en relación cos compromisos derivados da colaboración publico-privada.

O incremento da débeda pública vai acompañado dunha caída do gasto social. O investimento en Atención Primario caeu nestes últimos 14 anos en 247 millóns de euros, pasando de 1.437 millóns en 2009, que coa suba do Índice de Prezos do Consumo (IPC) equivalería hoxe a 1.800 millóns, a 1.526 millóns de euros en 2023. 

Na mesma dirección, o orzamento dedicado a educación diminuíu en relación co anterior exercicio en 139,94 millóns de euros, destinando no presuposto de 2023 2.796  millóns de euros, fronte a 2.696 millóns de euros de 2022, que como consecuencia da alza do IPC significarían na actualidade 2.935 millóns de euros.

As dúbidas pairan sobre o escenario macroeconómico das contas públicas de 2023, tras coñecerse que as previsións de crecemento fixadas polo Goberno galego e cifradas en 1,7% superan en 1,1 puntos as estimacións da Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (Airef) e en 1,7 puntos as do servizo de estudo do BBVA.

Opinións das forzas políticas 

Precisamente, o voceiro do PP, Pedro Pui, referiuse a esta realidade sinalando que "aínda que o crecemento do PIB non sexa o que se prevé nas contas, os ingresos non se van a ver alterados". Na mesma dirección, censurou as críticas aos orzamentos cando “a realidade implica que se van ter uns ingresos si ou si”.

A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, denunciou que “os orzamentos do PP son unha fraude sustentada en mentiras” e lembrou que “a primeira mentira” está na cifra de 1,7% de incremento de PIB anunciado polo Goberno de Rueda “o mesmo día que en o BBVA publicaba un informe que reducía ese incremento a cero, o peor dato de todas as comunidades autónomas”. “Non é a única falsidade”, asegurou Pontón, “porque se ben o propio Executivo presume de que as contas están avaladas pola Airef, este organismo prevé unha subida do PIB de 0,6%".

A dirixente nacionalista afirmou que “se os orzamentos son a folla de ruta dun goberno, estas contas mostran un Goberno do PP que en vez de dar fortaleza, fai a Galiza máis débil fronte a crise; que en vez de estar do lado da xente do común, gobernan para unha minoría".

O voceiro dos socialistas, Luis Álvarez, cualificou as contas de “low cost para os servizos públicos”. Nesta dirección, criticou que “sanidade, educación e política social consolidan a mesma distribución do ano 2022, ao repetir o peso relativo daquelas contas, incluíndo unha redución do 0,6% en educación, mantendo o recorte histórico do profesorado dos últimos anos”.

Caída do poder adquisitivo

Delegadas da CIG concentráronse nesta quinta feira diante da Xunta de Galiza, en San Caetano, para manifestar o seu rexeitamento ao proxecto de orzamentos que segundo o sindicato “non garante ningún complemento para compensar nos salarios o incremento do IPC, nin garante a recuperación de dereitos laborais”. Neste sentido, advertiron dunha "perda de poder adquisitivo nos vindeiros anos".

Comentarios