Parlamento

A "Administración paralela" da Xunta ten 558 millóns de débeda

O PSdeG cifra en 87 os entes instrumentais na Galiza.
Un momento da comisión parlamentar de Administración, esta quinta feira. (Foto: Parlamento da Galiza)
photo_camera Un momento da comisión parlamentar de Administración, esta quinta feira. (Foto: Parlamento da Galiza)

O último informe de fiscalización do Consello de Contas apunta que os entes instrumentais da Xunta da Galiza —coñecidos como "Administración paralela"— controlan por volta de 1.500 millóns de euros, o que supón que perto de 15% do orzamento total da Xunta vai a estas institucións onde hai empregadas por volta de 8.000 persoas.

Este foi un dos datos que o deputado do PSdeG Pablo Arangüena expuxo onte en comisión parlamentar. O estado desta "Administración paralela" é denominado por Arangüena como unha situación de “expansión e descontrol”.

O Igape non recuperou 48% dos empréstitos

O parlamentar socialista denunciou que estes entes e organismos acumulan unha débeda de 558 millóns de euros. Aproveitou a comparecencia para criticar o ex presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, por falar de “austeridade” no Estado, mentres mantivo 87 “chiringuitos” na Galiza. “Se o señor Feixoo vai facer no Estado o mesmo que fixo na Galiza, apaga e vámonos”, dixo.

Como exemplos dese "descontrol", o deputado sinalou a mala xestión o Instituto galego de promoción económica (Igape), "que non recuperou 48% dos empréstitos que concedeu, e as sociedades de capital risco participadas pola Xunta da Galiza, que perderon 58% dos seus investimentos ao longo da última década".

Jesús Oitavén, director xeral de Avaliación e Reforma Administrativa da Consellaría de Facenda, achacou esa débeda de 558 millóns de euros á "herdanza deixada polo bipartito", en referencia ao Goberno de coalición do PSdeG e BNG entre 2005 e 2009.

A isto engadiu as acusacións contra Felipe González, presidente español entre 1982 e 1996, e ao que definiu como "campión da Administración paralela". Oitavén defendeu que a Xunta "respecta" o Consello de Contas mais que tamén paralelamente a iso pode "disentir" dos informes que emite.

Comentarios