Bruxelas volverá limitar o gasto público en 2024

A Comisión Europea amplía a 2023 a suspensión das regras fiscais, pero exixe ao Estado español que actúe ante o elevado endebedamento público.
O comisario europeo de Economía, Paolo Gentilone, o pasado 11 de maio nunha rolda de prensa sobre incentivos fiscais (Aurore Martignoni / European Commi / DPA)
photo_camera O comisario europeo de Economía, Paolo Gentilone, o pasado 11 de maio nunha rolda de prensa sobre incentivos fiscais (Aurore Martignoni / European Commi / DPA)

A débeda pública do Estado español alcanzou en marzo un novo máximo histórico, ao situarse, con 1,453 billóns de euros, en 117,7% do Produto Interior Bruto (PIB).

Este alto endebedamento é un dos aspectos sobre os que chama a atención a Comisión Europea, que onte anunciou que manterá suspendidas durante 2023 as regras que limitan o déficit e débeda pública dos territorios. 

O Estado español terá así un ano máis para "axustar" os seus indicadores e "reconducilos" ao que marca o Pacto de Estabilidade e Crecemento ─recollido na Constitución española coa modificación do artigo 135─, que limita a 3% e 60% do PIB déficit e débeda, respectivamente.

A Galiza presentaba a feche de 2021 unha porcentaxe de débeda pública sobre o PIB de 18,5%. Porén, o obxectivo de deixar a cero o déficit en 2025, contemplado no plan estratéxico 2022-2030 do Goberno galego, semella difícil de cumprir. 

Reducir o gasto público vai depender en gran medida do impulso que a economía galega poida tomar nos próximos meses e tamén da situación da débeda en mans das empresas, moitas delas sustentadas polos préstamos avalados polo Instituto de Crédito Oficial (ICO) e cuxos vencementos determinarán, nestes meses previos ao verán, a verdadeira saúde financeira das mesmas. 

Política fiscal prudente

Un dos motivos polos que Bruxelas decidiu estender a 2023 a excepción ao pacto de estabilidade é o conflito en Ucraína, que está a golpear tamén na economía galega polo encarecemento da enerxía e as materias primas. Neste senso o Executivo comunitario recomenda ao Estado español definir xa unha política fiscal "prudente" para asegurar unha redución da débeda "críbel" e "gradual" baseada no investimento e as "reformas".

Suxire tamén reducir a dependencia dos combustíbeis fósiles e avanzar na instalación de nova potencia renovábel, do hidróxeno e na electrificación do transporte, capítulos nos que a Galiza aspira a medrar da man dos fondos europeos. Porén, a única das grandes propostas coñecidas é a da fábrica de viscosa de Altri que, como indicou este medio e recolleron tamén portais especializados en ciencia e medio ambiente, ten difícil encaixe polos seus impactos negativos sobre o propio medio (fomento da eucalitización, risco de polución do río Ulla e mesmo da ría de Arousa). 

Na liña do que pide Bruxelas, nada se sabe das múltiples plantas de hidróxeno proxectadas no país. Tan só Reganosa e EDP confirmaron hai unhas semanas que ían iniciar a tramitación da súa planta nas Pontes. 

A industria é a chave

Destaca a Comisión que a industria vai ser determinante na reactivación económica, na xeración de emprego e na redución do déficit. O problema é que na Galiza as elecetrointensivas están paradas ou mesmo botando o feche, como acontece con Alcoa e Alu Ibérica, unha realidade á que hai que sumar o feito de que  moitos dos proxectos agora sobre o papel non serán realidade até despois de 2023, coas limitacións ao endebedamento novamente vixentes.

Coa fin da excepción para a débeda e a desindustrialización da Galiza, témese que a alternativa sexan novos recortes ou, como  aconteceu no pasado, a privatización de servizos públicos.

Comentarios