luns 25.05.2020

A creación de empresas cae na Galiza en 22% en marzo, o maior descenso en tres anos

O descenso, porén, é menor que a media rexistrada no Estado.
Polígono industrial na Galiza
Polígono industrial na Galiza

O coronavirus e a crise social e económica derivada desta pandemia sanitaria continúan a pasar factura ás economías, tamén á galega.

Galiza rexistrou a constitución de 296 empresas en marzo, o que supón un descenso de 22,3% en comparación co mesmo mes de 2019, segundo os datos que publica o Instituto Nacional de Estatística.

Este retroceso é o maior que rexistra Galiza en case tres anos (en xullo de 2017 foi do -26%). Con todo, é menor que a diminución media de 28,3% que se deu a nivel de Estado. No caso do Estado español é o maior derrube en 11 anos.

Así, o descenso de Galiza é o terceiro menor entre territorios, só con Madrid (-17,6%) e Cantabria (-19%) cunha contracción menos acusada. No outro extremo está A Rioxa (-51%).

Entre as 296 sociedades constituídas na Galiza, 295 foron SL e só unha SA. O capital total desembolsado foi de 36 millóns de euros.

No tocante a disolucións, houbo 89, o que supón 12,7% menos. Tamén é menor á caída media (-21,1%). Aquí, 66 fixérono de forma voluntaria, catro por fusión e 19 por outra modalidade.

comentarios