xoves 28.05.2020
MAIOR PRECARIEDADE E DEVALUACIóN SALARIAL, O BALANZO

Corenta e tres meses de reforma laboral do PP

O recoñecemento polo PSOE de que non vai derrogar aspectos fulcrais da reforma aprobada polo PP en febreiro de 2012 volve poñer en primeiro plano unha medida presentada como necesaria para combater a crise e que se aprobou cunha forte contestación social. Tres anos e medio despois de entrar en vigor, que conseguiu?

Operarias nunha carpinteiría industrial
Operarias nunha carpinteiría industrial

En febreiro de 2012 entraba en vigor unha reforma laboral aprobada polo goberno de Mariano Rajoy co argumento de que era precisa para xerar as condicións necesarios para a creación de emprego nun contexto de forte crise económica. Desde 1980 no Estado español decorreron unha ducia de reformas que afectaban o Estatuto dos Traballadores e desde o inicio da gran crise saíran adiante 2 reformas laborais impulsadas polo PSOE (2010 e 2011). Mais a feita polo PP presumíase xa de inicio como, en palabras dos sindicatos, un golpe dirixido a derrubar as conquistas laborais e sociais de décadas de loitas da clase traballadora.

Desde a súa aprobación até o de agora en Galiza perto de 40.000 traballadores foron sometidos a un expediente de regulación de emprego (ERE)

Pasaron xa 43 meses de aplicación desta reforma. O PSOE vén de recoñecer esta semana que, de gobernaren, mantería tal e como agora aspectos da mesma como os relativos á indemnización por despedimento. Unha afirmación que fan os socialistas emendando as súas propias manifestacións ao longo destes tres anos e medio. Xa Núñez Feijóo, no debate do estado da Nación, lle reprochou a Méndez Romeu, portavoz do PsdeG, o “duplo discurso” socialista, dixo o presidente, que promete unha cousa nos mitins para despois nas xuntanzas coas empresas do IBEX35 afirmar que “non tocaría a reforma laboral”.

Que significou?

Mais que significou esta reforma? Para sindicatos como CIG ou LAB, entre outros, unha precarización do mercado de traballo e unha devaluación salarial. Crear un mercado de traballo con man de obra barata e contratos temporais e precarios. Unha reflexión á que os ex-ministros socialistas Jordi Sevilla e Valeriano Gómez -nada sospeitosos de radicalismos- engaden: non serviu para xerar traballo, senón para repartir o emprego existente en peores condicións.

Precariedade laboral, temporalidade e devaluación salarial son as tres consecuencias da reforma, coinciden os diferentes sindicatos

O PP falaba da reforma como precisa para dúas cuestións: protexer o emprego existente e aumentalo, e reducir a temporalidade. Os dados amosan que, de ser certas esas finalidades, o resultado foi exactamente o contrario. Os despedimentos colectivos e individuais aumentaron en 2012, 2013 e 2104. Desde a súa aprobación, até o de agora en Galiza perto de 40.000 traballadores foron sometidos a un expediente de regulación de emprego (ERE).

A precarización do emprego en Galiza levou a que 300.000 asalariados cobren menos do salario mínimo e máis dun 45% non cheguen a mileuristas. A devaluación salarial foi un dos efectos da reforma do PP. Outra, a temporalidade. En setembro xa un terzo dos contratos laborais asinados no noso país era por menos dunha semana de duración. O 95% destes acordos son con carácter temporal

Os tribunais, o maior freo

Unha das trabas que o goberno de Rajoy se atopou na aplicación da reforma laboral e que probabelmente non agardaba encontrar foi a da xustiza. Se ben o Tribunal Constitucional avalou a reforma, o Tribunal Supremo cercenou preceptos fulcrais da mesma, como cando defendeu a vixencia dos convenios colectivos alén a súa caducidade. Ou cando os tribunais botaron para atrás centos de despedimentos colectivos e ERES impulsados ao abeiro da reforma do PP. 

comentarios