O consumo eléctrico caeu no país en 25,9% no primeiro semestre de 2022

Galiza lidera a caída do consumo eléctrico no Estado entre xaneiro e xullo de 2022. Malia rexistrar unha baixada de 25,9%, fronte a 2,8% do conxunto estatal, o país exportou no primeiro semestre do ano 3.570.377 megawatts, isto é 31,9% da produción eléctrica total. Madrid é a principal beneficiada desta situación.

O encoro de Eiras, en Fornelos de Montes e Ponte Caldelas, abastece de auga once concellos (Foto: Contando Estrelas / Flickr).
photo_camera O encoro de Eiras, en Fornelos de Montes e Ponte Caldelas, abastece de auga once concellos. (Foto: Contando Estrelas / Flickr)

Galiza xerou 11.757.977 megawatts no primeiro semestre de 2022. Segundo os datos que vén de facer públicos Rede Eléctrica Española, 7.325.794 megawatts (MW) son de orixe renovábel, representando esta 62,29% da produción eléctrica galega. Neste sentido, destaca a caída da xeración con tecnoloxía hidráulica, que rexistrou no mes de xullo un mínimo histórico de 70.628 megawatts, derivado das circunstancias meteorolóxicas e das decisións das compañías eléctricas propietarias dos encoros.

Aínda así, a hidroeléctrica fixou o custo da luz en diversos momentos deste período, até marcar o 8 de marzo de 2022 o prezo máximo de toda a serie histórica, chegando entre as 19 e as 20 horas a 700 euros o MW.

A produción de orixe non renovábel alcanzou 4.434.183 megawatts de xaneiro a xullo. A este respecto, destaca o incremento de 19,2% daquela producida polo carbón, como resultado da decisión do Goberno do Estado de volver activar a produción de electricidade na central térmica das Pontes, co obxectivo de facer fronte ás necesidades de subministro e aliviar o prezo da luz.

Porén, trátase dun escenario conxuntural, que con práctica total seguridade se verá corrixido a medio prazo, pola decisión empresarial firme de Enel, titular da instalación térmica das Pontes, de avanzar na estratexia de descarbonización, na liña das novas perspectivas de negocio abertas polo proceso de transición enerxética.

A caída do consumo eléctrico

A caída do consumo eléctrico situouse no primeiro semestre do ano en 25,9% na Galiza, que lidera a baixada da demanda no conxunto estatal, cunha distancia de 23,1 puntos sobre a media e unha diferenza de 14,5 puntos en relación con Asturias, o seu directo competidor.

Continúa a tendencia do pasado exercicio, marcando xa no primeiro semestre de 2021 un descenso no consumo de 9,4%, fronte á caída de 2,4% do conxunto estatal, como consecuencia dun sostido retroceso da actividade industrial. Precisamente, son as nacións e comunidades máis dependentes deste sector as que máis reducen a súa demanda eléctrica.

O elevado descenso da demanda eléctrica está condicionado pola parada das cubas de electrólise da factoría de aluminio da multinacional Alcoa en Cervo, o primeiro consumidor eléctrico do país e do Estado, cuxas necesidades eléctricas representan, aproximadamente, 23% da produción total galega.

Ademais, o funcionamento irregular doutras compañías electrointensivas, que cesaron a súa actividade nalgún momento do ano pola alza do prezo da luz, así como a caída dos consumos domésticos explican esta situación. A este respecto, a profesora de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela Rosa Regueiro sinala a Nós Diario que “o descenso da demanda está marcada por Alcoa pero na mesma inciden outras empresas, as familias e as institucións”.

O membro do colectivo Bidán Quico da Silva apunta a Nós Diario, que “as causas da caída do consumo eléctrico non se deben exclusivamente a Alcoa senón que na súa foto final nótase tamén o efecto de todo o tecido industrial dependente da electricidade que efectuou paradas pola alza dos prezos da luz no primeiro semestre de ano, de moitas pequenas e medianas empresas e do consumo persoal, onde a alza dos custos da enerxía fai que o consumo sexa menor”. Destaca, ademais, que “Galiza segue a ser un exportador neto de electricidade".

Exportación de enerxía

Galiza exportou no primeiro semestre deste ano 3.570.377 MW, o que representou 31,9% da electricidade xerada no país. A porcentaxe situouse na liña doutros exercicios, exportando no primeiro semestre de 2021, 35%, no mesmo período de 2020, 31,8%, en 2019, 25% e en 2018, 35%.

Madrid é o principal beneficiario desta situación, favorecéndose a súa cidadanía e empresas dun prezo da electricidade idéntico ao da Galiza, malia non cargar cos custos sociais e ambientais da xeración de enerxía.

Comentarios