ANÁLISE

Consumimos impostos ou electricidade? A falacia da tarifa eléctrica única para todo o Estado

Ante as demandas dunha tarifa eléctrica galega que supoña unha bonificación nas peaxes de acceso – e polo tanto no prezo final do recibo da luz- en base á nosa condición de territorio exportador de enerxía eléctrica, os partidos estatais argumentan que é necesaria unha tarifa unificada en todo o estado, en base a unha suposta solidariedade interterritorial, relegando a proposta desta tarifa eléctrica a unha excentricidade impropia destes tempos. Nada máis lonxe da realidade.

térmica
photo_camera Galiza carga cos custos meio-ambientais de ser produtora excedentaria de enerxía eléctrica

Nin en moitos países do noso entorno teñen unha tarifa unificada, nin mesmo no estado español a tarifa eléctrica foi sempre única, senón que foi decisión do franquismo unificala.
 
Mesmo na actualidade, a suposta tarifa única para todo o estado non é tal. No ano 2014 creouse unha nova peaxe, inexistente ata ese momento, coa finalidade de favorecer a industria vasca, unha modificación impulsada após a negociación do PNV co goberno de Rajoy.  Doutra banda, un ano antes, a Lei 24/2013, de 26 de decembro, do Sector Eléctrico, abriu a porta a encarecer a tarifa nunha autonomía no caso de que esta contase con tributos sobre o sector, xa que contemplaba que en caso de que as actividades ou instalacións destinadas ao subministro eléctrico foran gravadas con tributos propios das CCAA ou recargas sobre os tributos estatais, engadiríaselle á peaxe de acceso un suplemento territorial que cubra a totalidade do sobrecusto provocado por ese tributo ou recargo, e que deberá ser abonado polos consumidores da respectiva comunidade autónoma.

O BNG na emenda á totalidade a este proxecto de lei xa alertaba de que “é un proxecto claramente centralista que non contempla as diferentes achegas ao sistema eléctrico desde o ámbito territorial e que impide a comunidades autónomas excedentarias como a galega o desenvolvemento dunha política enerxética propia”. E alertaba de que “esta medida discrimina negativamente ás Comunidades que soportan as instalacións de xeración, que teñen que soportar os custos sociais e medioambientais da xeración eléctrica, e no canto de verse recompensadas, vense prexudicadas dobremente”, dándose o paradoxo de que pagarán máis que nun territorio onde non se produza electricidade.

Estes suplementos territoriais non entraron en vigor coa implantación da lei, polo que Gas Natural Fenosa recorreu ante o Supremo, que vén de darlle a razón, o que implica a incorporación inmediata dos mesmos, co cal consumarase esta gran discriminación aos/ás consumidores/as galegos/as, poñendo tamén en evidencia a falacia de que existe unha tarifa unificada para todo o Estado en aras dunha pretendida solidariedade.
 
Así, impostos propios creados pola Xunta, como o canon eólico, o canon hidráulico e mesmo a ecotaxa, que se ben nunha primeira instancia pagan as empresas eléctricas á Xunta, acabarán engrosando este suplemento e será pagado integramente polos/as consumidores/as galegos/as.

O canon eólico vai ter que ser pagado polos/as consumidores/as por aplicación da lei estatal do sector eléctrico, o cal, como diría Núñez Feijóo, trátase dun mal negocio para Galiza

Cómpre sinalar como a aplicación destes suplementos amósanos o fracaso do modelo eólico deseñado pola Xunta de Galiza de Feijóo, xa que a Xunta renunciou á participación pública nos proxectos eólicos e a cambio impulsou un canon que vai ter que ser pagado polos/as consumidores/as, o cal, como diría Núñez Feijóo, trátase dun mal negocio para Galiza.

Estes suplementos sobre tributos propios tráenos a colación a regresiva fiscalidade da electricidade, ben na xeración, ben no consumo. O prezo da electricidade vese sometido ao Imposto da Electricidade, cun tipo do 5,1% sobre a facturación eléctrica. Trátase dun imposto especial incluído na cesta de produtos cedidos totalmente ás CCAA mediante o sistema de financiamento. Na exposición de motivos da lei que o creou aparece a xustificación da súa creación: “Ten como obxectivo básico a obtención dos ingresos necesarios para compensar a supresión do recargo en concepto de custo específico asignado á minería do carbón”. Xa que logo, queda clara a súa finalidade exclusivamente recadatoria, pero ademais, dende o 2015 xa non se incentiva o consumo de carbón estatal, polo que o imposto resulta obsoleto.

Unha racionalización da fiscalidade do consumo eléctrico ebería pasar por unha tributación do IVE no tipo superreducido do 4% para o uso doméstico

O PP de Rajoy tamén impulsou o Imposto sobre o Valor da Enerxía Eléctrica que foi aprobado pola Lei 15/2012, e comezouse a aplicar no 2013. Xa ese ano a Comisión Europea abriu un procedemento informativo contra este imposto, por considerar que pode ser contrario ao Dereito Europeo, (aínda que logo decidiu paralizalo) xa que pode incumprir a Directiva de impostos especiais, que sinala que os Estados non poden impoñer impostos especiais adicionais aos xa existentes, como é o caso do citado Imposto da Electricidade. 
Ademais, a electricidade tributa no IVE ao tipo máis elevado, o 21%, unha porcentaxe tres puntos maior que a media da UE. Resulta evidente que no ámbito familiar, trátase dun ben de primeira necesidade, polo que unha racionalización da súa fiscalidade debería pasar por unha tributación do IVE no tipo superreducido do 4% para o uso doméstico e por unha eliminación e/ou redución dos outros dous impostos citados anteriormente, alén de, obviamente, paralizar o recargo que o estado implantará sobre as comunidades que gravan a produción de electricidade nos seus territorios. A combinación destas medidas xunto ao impulso dunha tarifa eléctrica galega suporía un abaratamento da factura da luz en máis dun terzo.
 

Comentarios