As construtoras madrileñas copan a obra pública galega

A licitación da obra pública alcanzou a finais de 2022 na Galiza 1.727,7 millóns de euros. Nesa anualidade, as grandes construtoras madrileñas sumaron a práctica totalidade dos contratos do Estado e unha porcentaxe importante das adxudicacións do Goberno e dos concellos galegos. Unha parte destas compañías foi sancionada polo Comisión Estatal de Mercados e Competencia (CNMC) por prácticas fraudulentas.
Florentino Pérez é o presidente do Real Madrid (Foto: Europa Press).
photo_camera Florentino Pérez é o propietario do grupo ACS, primeiro en obra pública na Galiza (Foto: Europa Press).

A Xunta da Galiza foi a Administración máis investidora do país en 2022. Segundo os datos achegados para esa anualidade pola Asociación de empresas construtoras e concesionarias de infraestruturas (Seopan), o Goberno galego adxudicou obras por 669,7 millóns de euros, o Executivo estatal 547,9 millóns de euros e os concellos 510,1 millóns.

Nesta dirección, a patronal das grandes construtoras destacou a caída das adxudicacións estatais cunha baixada de 26,3% en relación ao pasado exercicio e unha alza de 20,3% nas licitacións da Administración galega. 

As obras do Estado

As grandes infraestruturas actualmente en construción na Galiza están promovidas polo Estado. Neste sentido, destacan os dous tramos en obras da A-54, a autovía que une Santiago de Compostela con Lugo, cuxa apertura está prevista para 2023 e 2024. Un deles é o treito de 11,7 quilómetros entre Palas de Rei e Melide, adxudicado en outubro de 2017 por 86, 8 millóns de euros á empresa Acciona, compañía con sede social en Madrid e propiedade da familia Entrecanales. 

O outro, de Arzúa a Melide, contratado en 2018 por 88,5 millóns de euros, está sendo executado por Sando, compañía con sede en Madrid e cuxo propietario aparece na contabilidade do ex tesoureiro do PP español Luis Bárcenas como o primeiro doante do Partido Popular. Precisamente, este grupo empresarial de orixe andaluza acumula un importante volume de obra na alta velocidade ferroviaria galega, promovendo, ao tempo, diversos proxectos no ámbito eólico.

Unha parte das compañías madrileñas con obra na Galiza foron sancionados en 2022 pola Comisión Estatal de Mercados e Competencia (CNMC) por alterar ilegalmente 18 licitacións no país. Neste grupo, atópanse empresas como Dragados, FCC, Ferrovial, Acciona, OHL e Sacyr, que segundo a CNMC adulteraron licitacións públicas por unha contía de 670 millóns de euros.

Porén, malia estas prácticas o Estado mudou a normativa para permitirlles seguir contratando coas Administracións mediante a lei de acompañamento dos orzamentos de 2022. 

As tres sancionadas

As tres construtoras  máis favorecidas polos contratos do Estado na Galiza no período de 2005 a 2020 atópanse entre as sancionadas. Así, a primeira, propiedade de Florentino Pérez desde 2002 e integrada en ACS, facturou por obras executadas no país 851,37 millóns de euros, que representa 7,82% do adxudicado.

A continuación situouse Acciona con 831,53 millóns de euros, outra das sociedades sinaladas por Bárcenas como doante do PP galego. FCC, construtora da ponte da A-6 sinistrada, ocupou o terceiro lugar no podio, cunha facturación de 794,8 millóns de euros.

Comentarios