O custo dos materiais de construción aumenta 30%

A Administración estase vendo obrigada a estabelecer normas para a revisión dos contratos de obra pública pola suba do prezo dos materiais de construción. Segundo profesionais do sector, o incremento medio do custo das obras é de 30%, unha situación que está freando a demanda privada e pondo en problemas o sector da construción.
O incremento dos prezos dos materiais pon en risco a viabilidade das empresas de construción. (Foto: Rubén Chase)
photo_camera O incremento dos prezos dos materiais pon en risco a viabilidade das empresas de construción. (Foto: Rubén Chase)

O Ministerio de Facenda e Función Pública aprobou onte unha Orde Ministerial para incluír outros seis novos materiais de construción no decreto de revisión de prezos nos contratos de obras públicas, aínda que segue sen incluír a enerxía, unha das principais demandas do sector da construción.

Ao respecto, os últimos datos achegados polo Instituto Galego de Estatística (IGE), relativos ao mes de setembro, sinalan que o Índice de Prezos de Consumo (IPC) da electricidade, do gas e doutros combustíbeis incrementouse 31,2% na Galiza con respecto ao mesmo mes de 2021 (a pesar da baixada mensual de 10,3% entre agosto e setembro), tres puntos porcentuais máis que no Estado, onde esta suba ficou nunha taxa de 28%.

En concreto, na Orde publicada no Boletín Oficial do Estado (BOE) inclúense o cemento, os materiais cerámicos, a madeira, os plásticos, os produtos químicos e o vidro, co que se unen aos elementos que xa estaban incluídos, os siderúrxicos, os bituminosos, o aluminio e o cobre. Esta posibilidade de revisión de contratos cínguese ao sector público, mais o incremento de prezos dos materiais está a facerse notar tamén nos prezos que a cidadanía ten que pagar para acometer obras de rehabilitación e edificación de vivendas.

Dobre impacto da crise no sector da construción

Os gastos xerais en vivenda que ten que sufragar a poboación galega aumentaron 17,3% en setembro con respecto ao mesmo mes de 2021, máis de tres puntos porcentuais por enriba do conxunto do Estado español (14,2%). Unha taxa que chegou en agosto a 29,2%, até 4,4 puntos porcentuais maior que a nivel estatal (24,8%).

A crise das economías familiares, xunto á inestabilidade e ao incremento nos prezos dos materiais, problemas que se prolongan por moitos meses, xeran problemas de viabilidade na construción, como certifica a Nós Diario Martín Insua, titular de O Obradoiro Arquitectos.

"A situación á que estamos chegando mete pánico, se antes os custos para obrar en vivenda eran de 1.000 euros por metro cadrado, agora son de 1.300. No último ano subiron cando menos 30% todos os materiais", explica Insua. "Hai materiais, como o bloque de termo-arxila, co que se traballa moito para facer valados, que pasou de 94 céntimos por unidade a valer case dous euros, dobrou o seu prezo", sinala o arquitecto.

"Moita clientela está agardando a que haxa unha estabilización dos prezos, outra moita desistiu de obrar, e hai casos nos que tivemos que cambiar a metodoloxía construtiva e reducir superficie para que puideran realizar o investimento", afirma Insua, que explica que o sector conta "cun 2023 moi complicado, xa que se xa había persoas que se botaban atrás nos investimentos, agora coa suba dos tipos de xuro á hora da concesión de hipotecas, esperamos que a crise se complique bastante".

Juan Ramón Alborés, xerente de Impermeabilizacións e Reformas Alborés, reafirma esta situación a este xornal. "A suba é brutal e moi repentina, non permite planificar os orzamentos, se antes se facían con un dous meses de antelación, agora temos que entregalos a cinco días, porque os metais, os ferros, os plásticos subiron moitísimo e dun día para outro", explica.

"Ao mellor entregas un prezo de obra e ao executar xa che vale 10 ou 15% máis", laiase Alborés. "Unha xanela de PVC que fai un ano podía valer 500 euros, agora está en 700, unha suba de 200 euros (+40%)", exemplifica.

Encarecemento dos investimentos públicos

"Normalmente esta crise non se nota tanto na obra pública porque, se normalmente as propias construtoras presentaban ofertas cunha baixa nas licitacións, agora esas baixas xa non son tan grandes como se viña aplicando até o momento", agrega o titular de O Obradoiro Arquitectos.
Unha afirmación que tamén corrobora Juan Manuel Rodríguez, alcalde de Cerceda, que sinala a Nós Diario que "de momento tivemos a sorte de que a todas as obras que sacamos a licitación se presentou alguén".

Porén, explica, "antes desta alza de prezos estábanse efectuando por parte das empresas unhas baixas considerábeis, que é o que explica que aínda se sigan presentando empresas ás licitacións, se ben son menos, e loxicamente as baixas, practicamente son residuais". "Tivemos baixas moi substanciais, cousa que agora non se dá", afirma.

"A burocracia e a lentitude das tramitacións fai que desde o momento no que se aproba un proxecto até que sae a contratación haxa cambios importantes, cousa que hoxe en día se ve moi agravado pola inestabilidade dos prezos, mais a isto súmase outro problema, na maioría dos casos alleo á vontade política, xa que o paso do tempo fai que no momento no que se vai facer unha obra os danos da infraestrutura urbana xa son maiores, o que produce un dobre encarecemento dos investimentos", afirma o alcalde de Cerceda.

Sobre esta problemática, o titular de Contratación da Deputación da Coruña, Xosé Lois Penas, explica a este xornal que a suba de prezos dos materiais "está a xerar problemas". "Hai un incremento importante de custos, e polo tanto, os prezos van moito máis axustados, hai empresas que sinalan que indo a prezos de licitación experimentan perdas", relata o deputado. "Hai Concellos que están sacando licitacións que quedan baleiras", afirma Penas.

Comentarios